EDUCACIÓN

O Club de Cans de Familia chega á Escola de Verán para facerlle perder aos nenos o medo a estes animais

26/06/2009 O Club de Cans de Familia Só lles falta falar participa na Escola Municipal de Verán para ensinarlles aos máis pequenos a perderlle o medo aos cans. O Club estará o luns 29, de 11:30 a 13:30 horas no CEIP de Fontiñas e, ao día seguinte, no mesmo horario, no Pío XII.

O Club de Cans de Familia Só lles falta falar está promovido polos departamentos de Educación e de Xuventude do Concello, co asesoramento do Centro de Conduta Animal e a coordinación do equipo de psicólogos da Asociación Down Compostela. Concrétase nun taller didáctico para ensinarlle aos nenos e nenas de Santiago a perderlle o medo aos cans.

No taller participarán cans de familia que seguiron un estrito protocolo de socialización, educación e adestramento para realizar intervencións terapéuticas. As sesións teñen como obxectivo ensinar aos nenos e nenas a reaccionar axeitadamente diante da presenza de calquera can, a través da aprendizaxe da conduta natural dos cánidos: o coñecemento e a interacción eliminan o medo.

O Concello promove dende fai tempo as actividades de terapia asistida con animais fóra das institucións onde normalmente se desenvolven para achegar os seus beneficios ao público en xeral.

Perderlle o medo aos cans forma parte das actividades que se están promovendo dende o Concello de Santiago, a través dos departamentos de Educación e de Xuventude, co equipo de profesionais que integran o Centro de Conduta Animal de Santiago. Nun primeiro momento creuse o Club de Cans de Familia Só lles falta falar e actividades periódicas en distintos programas de dinamización educativa e cultural que se realizan ao longo do ano.

Compartir: