DEPORTES

Deporte, cultura e natureza na inauguración da Compostela Cup do Camiño 2009

26/06/2009 O alcalde e presidente da Fundación, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto inaugural Día da Árbore da Fase Final da Compostela Cup do Camiño 2009, organizada pola Fundación Compostela Deporte, co patrocinio de Xacobeo e Caixanova.

Todos os asistentes arrouparon aos deportistas que están participando na Compostela Cup do Camiño 2009. O acto central da inauguración foi a plantación de catro pradairos, co que a organización do Torneo quere concienciar aos participantes da importancia de coidar e conservar o medio ambiente.

Ademais, puideron contemplar as actividades complementarias deportivas, culturais e de ocio que se están desenvolvendo no Monte do Gozo, destinadas aos participantes: xogos populares (chave, billarda, arcos, sacos), circuíto BTT, tiro con arco, xadrez, inchables, futbito, rocódromo e sorteo de agasallos entre os participantes. No Monte do Gozo tamén está instalada a oficina permanente e as salas de lectura, xogos e de televisión, así como a tenda oficial do Torneo.

Para as 22:00 horas está prevista a celebración da "Noite Meiga", con discoteca-DJ, actuación de maxia, queimada, bebidas sen alcohol para todos os deportistas e sorteo de agasallos.

O acto inaugural contou tamén coa presenza do concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación, Bernardino Rama; Marcial Rodríguez, do Xacobeo; Jorge Santos, de Caixanova; e Juan Picos, xerente de Monte Industria. Tamén participaron autoridades de algúns dos concellos que colaboraron na organización das fases previas do torneo e representantes das institucións e entidades colaboradoras, do mundo do deporte, a cultura e o Patronato da Fundación.

9.000 deportistas
Cómpre lembrar que a Compostela Cup do Camiño 2009 comezou en decembro de 2008 coa disputa das fases locais nos concellos de Burgos e León (Castela e León), Castropol (Asturias), e nos galegos Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Cerceda, Dodro, Lugo, Melide, Mos, Noia, Oroso, Ourense, Redondela, Ribadeo, Ribeira, Teo, Verín, Xinzo de Limia, así como na localidade portuguesa de Porto. Finalizou en maio tras celebrarse as fases comarcais de Ferrol e Ourense.

Nas fases locais competiron 150 equipos e 2.500 deportistas, pertencentes ás modalidades deportivas de atletismo en pista e en ruta, baloncesto, fútbol, fútbol sala, veteranos e tenis de mesa. Nas fases comarcais estiveron 34 equipos e 494 deportistas das disciplinas de baloncesto, fútbol e fútbol sala. Na fase final do Torneo están participando máis de 400 equipos e case 9.000 deportistas.

Compartir: