ALCALDÍA

O alcalde gaba o papel da madeira na elaboración do Plan Especial do Casco Histórico

25/06/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou no acto de clausura da Asemblea Anual da Federación Europea do Taboleiro e da Federación Europea do Contrachapado, celebrada no salón nobre de Fonseca. Tamén asistiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o presidente de ANFTA, José Carballo.

Na súa intervención, o alcalde agradeceu aos organizadores a deferencia de celebrar a súa asemblea anual en Compostela e falou da longa tradición do tecido empresarial da madeira en Galicia. "Para os galegos é un motivo de orgullo ver como pequenas empresas do mundo rural se foron implantando e manténdose, adaptándose aos novos tempos". En Santiago, como en Galicia, máis do 40% da superficie é forestal, e irá a máis, dixo.

"A madeira vólvenos ao mellor da nosa historia", sinalou, porque é "adaptable, resistente e versátil" e "ten unha vida útil moi alta, a pesar de que como elemento de construción se atopa nun segundo plano". "Cando elaboramos o Plan Especial do Casco Histórico", lembrou o alcalde, "custou moito convencer á xente de que a vida útil da madeira é moito máis longa que a do formigón". "En Santiago hai edificios de máis de 800 anos en perfecto estado que conservan intacta a súa estrutura de madeira", explicou o alcalde, que trasladou aos participantes a súa confianza no "gran futuro da madeira no campo da construción civil".

Compartir: