PLENO

A Concellería de Benestar incrementou en 100.000 euros as axudas directas ás familias para facer fronte á etapa de crise

25/06/2009 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, compareceu a petición propia no Pleno municipal para explicar as medidas que o seu departamento ten tomado para facer fronte ao momento de crise económica. Así, a Concellería ten reestruturado algúns prestacións e aumentado as partidas destinadas a axudas directas ás familias.

Mar Martín quixo dar a coñecer polo miúdo as medidas da Concellería de Benestar Social destinadas á prevención e atención ás situacións de exclusión e apoio á integración de persoas e colectivos, así como de inserción e prevención da exclusión. Nesta dirección está o aumento de 100.000 euros na partida para axudas directas ás familias. Este capítulo contempla achegas para facer fronte a necesidades básicas: manutención, aluguer, gastos excepcionais, actividades escolares, etc.

Plan de Inclusión Social
Entre os programas en marcha, destacou o Plan de Inclusión Social, cun novo impulso ao Equipo de Inclusión Sociolaboral, con nova reorganización e estratexias de intervención de acordo á crecente demanda neste tempos de persoas en risco de marxinación. O Equipo fai labores diversos: valoración des situacións de exclusión social, plans de acompañamento de inserción, intermediación laboral, formación, etc. Na actualidade hai 435 persoas no Plan de Inclusión, das que 65 se incorporaron nos últimos meses.

Rede de Inserción Laboral
O xeito de traballar da Concellería de Benestar Social vese reflectido na Rede de Inserción Sociolaboral, recentemente presentada e constituída en colaboración con varias entidades de iniciativa social do municipio. Esta Rede establece mecanismos de colaboración entre todas as entidades implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión social. Preténdese así, rendiblizar todos os recursos existentes na cidade neste campo. A rede conta cunha paxina web e 17 entidades integradas.

Máis axudas a entidades asistenciais
Tamén se aumentaron as axudas ás entidades asistenciais como Cáritas, Cruz Vermella, Cociña Económica, albergue de Xoán XXIII ou Voluntarias de San Vicente Paúl, conscientes do aumento das persoas sen teito. Ademais, preténdese abordar o problema das persoas sen fogar dun xeito diferente, planificando novas e máis eficientes actuacións unha vez se teña o diagnóstico xa iniciado.

Unidade de Intervención Familiar e loita contra o absentismo escolar
Na súa intervención, a concelleira referiuse tamén á Unidade de Intervención Familiar, que se ten amosado moi eficaz para abordar os problemas que se detectan nas relacións intrafamiliares, así como para a atención a menores con problemas. Son 123 as familias nas que se interveu dende esta área.

Finalmente, aludiu, entre outras, ás medidas postas en marcha contra o absentismo escolar, coa constitución de comisións de barrio para a detección e seguimento do problema, co programa de apoio escolar ou co de educación de rúa. Tamén se impulsou a creación da Comisión de Prevención e Control do Absentismo Escolar, formada polos centros educativos, asociacións e organismos que inciden poboación escolar e o propio Concello.

Mocións en prol dun autobús entre a cidade e o aeroporto e do sector lácteo
Cos votos favorables do grupo de goberno aprobáronse dúas mocións: unha relativa á liña de autobuses de Santiago co aeroporto de Lavacolla e outra en apoio do sector lácteo.

A primeira, presentada polo grupo socialista, demanda da Xunta que autorice ao Concello a posta en servizo dunha liña de transporte específica entre Santiago e o aeroporto de Lavacolla, ou que a mesma Administración autonómica outorgue unha concesión neste sentido. Lembrou o alcalde que as competencias nesta materia son da Xunta e expresou a súa aposta por unha liña diferenciada entre o aeroporto e a cidade, independente da que actualmente cobre o traxecto Lugo-Santiago.

A segunda da mocions, presentada polo BNG, expresa o apoio do Pleno ao sector lácteo galego. Entre outros aspectos, demanda do Goberno español a renegociación da actual asignación de cotas entre os distintos Estados membros da UE e tamén unha actuación decidida para regular os mercados e garantir prezos aos produtores de leite, de xeito que se garanta a viabilidade do sector.

50 anos da edición local de La Voz de Galicia
O Pleno aprobou tamén por unanimidade unha declaración institucional de felicitación relativa aos 50 anos da edición local de La Voz de Galicia. O documento, no que se fai un repaso histórico da traxectoria do xornal, indica que, ao longo destes 50 anos, o seu labor sustentouse nos principios fundacionais proclamados no editorial do primeiro número: "A nosa primeira e máis ardente preocupación será a de servir, con todo o entusiasmo da nosa alma e con toda a enerxía do noso patriotismo, aos grandes e nobres e desdeñados intereses desta fermosa e querida rexión galega". Segundo a declaración, "a fidelidade ao exercicio responsable da liberdade converteron a La Voz nun emblema da realidade cotiá de Compostela e de Galicia".

Nova concelleira
Antes de comezar a debater a orde do día, tomou posesión da súa acta de concelleira a popular María Castelao, que ocupa o posto deixado por Ricardo García-Borregón, quen agora é o director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia.

Compartir: