ALCALDÍA

Remata o prazo para votar as candidaturas do Camiño de Santiago e das Festas do Apóstolo como Tesouro do Patrimonio Cultural Inmaterial de España

25/06/2009 Cando faltan tres días para que finalice o período de votación para a elección dos 10 Tesouros del Patrimonio Cultural Inmaterial de España, as Candidaturas de Bilbao, León, Teruel, Zaragoza, Jaén, Santiago, Algemesí, Valencia, Cádiz e Mayorga encabezan a clasificación provisional da elección dos 10 Tesouros do Patrimonio Cultural Inmaterial de España.

A cidade de Santiago participa con dúas candidaturas: o Camiño de Santiago e as Festas do Apóstolo. Todos os cidadáns que o desexen poden emitir o seu voto deben enviarse unha mensaxe SMS ao número 5523 coa palabra tesoro, un espazo en branco e, a continuación, escribir o número da candidatura que se desexa votar, (custe da mensaxe: 1,50 € + iva). Os números das candidaturas de Santiago son 2 para o Camiño de Santiago, e 22 para as Festas do Apóstolo.

O prazo de votación remata o domingo 28 de xuño, ás doce da noite. O resultado final coñecerase o día 30 de xuño. Pódese votar por máis de unha das 45 candidaturas, pero non se pode votar máis dunha vez a mesma candidatura.

A elección dos 10 tesouros do Patrimonio Cultural Inmaterial de España desenvólvea o Bureau Internacional de Capitais Culturais coa vontade de promover, divulgar, sensibilizar e salvagardar o rico patrimonio cultural inmaterial español. O patrimonio cultural inmaterial defínese, segundo a Convención para a Protección do Patrimonio Inmaterial da Unesco, como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural.

Algunhas das súas características son as seguintes: transmítese de xeración en xeración; é recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu entorno, a súa interacción coa natureza e a súa historia; infunde ás comunidades e os grupos un sentimento de identidade e de continuidade; promove o respecto da diversidade cultural e a creatividade humana; é compatible cos instrumentos internacionais de dereitos humanos existentes; cumpre os imperativos de respecto mutuo entre comunidades, grupos e individuos e de desenvolvemento sostible.

Compartir: