TURISMO

Comeza o II Concurso "Santiago(é)Tapas"

25/06/2009 Do 25 de xuño ao 12 de xullo poderán percorrerse cinco rutas con 50 estabelecementos para probar 109 tapas grazas ao II Concurso Santiago(é)Tapas. Este evento de promoción da gastronomía galega en Compostela conta xa coa súa páxina de Facebook.

Unha zamburiña mariñada en auga de mar con caipiriña, un espeto de choquiños con maionesa verde de algas, unha ameixa con gin tonic e cava, unha empanada de polbo seco, un ravioli de lagostinos e salsa de ourizos, unha piruleta de froitos do mar con salsa de limón, un leitón confeitado…

Este verán regresa o pracer de ir de tapas por Santiago de Compostela: Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela organizan o II Concurso Santiago(é)Tapas, para que os amantes da cociña en pequeno percorran 50 estabelecementos votando pola súa tapa favorita.

Nesta aventura polas 109 mellores tapas da cidade distribuídas en cinco rutas -Praza do Obradoiro, Praza de Cervantes, Praza de Galicia, Praza Roxa e Camiño Francés- os comensais irán acompañados do fiel Tapasporte, unha credencial para reunir os selos das taperías visitadas nesta peregrinaxe culinaria. A recompensa non é só turística ou gastronómica, porque hai premios para os participantes máis asiduos.

As rutas, os estabelecementos participantes, as receitas que presentan a concurso, os premios e as normas poden consultarse na web www.santiagoetapas.com. O Tapasporte pode xa recollerse na oficina da praza de Galicia, en Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) e nos estabelecementos participantes.

Dos Tapasportes de empresa ao Facebook
O concurso estrea ademais este ano varias novidades: Tapasportes para grupos de empresa, un premio do público ao local con mellor atención, un xurado que preseleccionou as tapas e maiores contías nos galardóns que recibirán os estabelecementos gañadores na gala final do 15 de xullo.

E aínda máis: o concurso conta xa coa súa propia páxina de Facebook, para que os seguidores das tapas compostelás podan contactar e ir comentando as súas experiencias. O lanzamento en Facebook logrou reunir en só medio día a 155 admiradores de Santiago(é)Tapas.

Santiago(é)Tapas, iniciativa de Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela, conta co patrocinio privado de Estrella Galicia, o patrocinio institucional de Galicia Calidade e a colaboración especial da Praza de Abastos e o Grupo El Correo Gallego.

Compartir: