CIRCULACIÓN VIARIA E INFRAESTRUTURAS

O Concello prega desculpas aos veciños polas molestias a causa das obras en Amor Ruibal

25/06/2009 As obras que se están a levar a cabo para a construción do túnel do Hórreo obrigaron a realizar na noite do mércores 24 un corte temporal de tráfico na rúa Amor Ruibal. Os traballos, que teñen que ver coa rede de abastecemento de auga, comezaron as 22:00 horas e remataron as 5:30. O xoves 25 realizarase un novo corte tamén en horario nocturno que comezará ás 22:00 horas e que se axilizará todo o posible co fin de minimizar as molestias.

A este respecto, os concelleiros de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá e de Obras e Infraestruturas queren pedir desculpas a todos os veciños da zona que na noite do 24 se puideron ver afectados polas obras e darlles as grazas pola súa comprensión. Ao tratarse dunha zona de alta densidade de circulación tomouse a decisión de realizar os traballos en horario nocturno, xa que facelos de día provocaría graves alteracións no tráfico.

O corte na noite do xoves 24 fará que a rúa Amor Ruibal perda os seus dous carrís en sentido cara o Hórreo. En calquera caso, estará operativo un carril en cada dirección.

Todos estes cortes e desvíos estarán debidamente sinalizados. Unha vez máis, o Concello reitera as desculpas polos trastornos que estas obras nocturnas poidan ocasionar aos veciños da zona e agradece a súa comprensión. As obras referidas realizaranse no menor tempo posible.

Compartir: