EMPREGO

Máis do 65% dos participantes no Proxecto Crear V accederon ao mercado laboral

24/06/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Proxecto Crear VI e realizou un balance do Crear V. O programa Crear é un proxecto experimental de orientación e inserción laboral que incide na dinamización dentro do mercado laboral da cidade.

O Proxecto Crear VI conta cun orzamento de 168.235,29 euros, cofinanciados pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. Está previsto que comece a desenvolverse o venres 26 de xuño co proceso de selección de persoas procedentes do Servizo Público de Emprego, e que remate o 14 de abril de 2010. Contará con 100 participantes. A Xunta de Galicia fixou uns obxectivos de inserción de 35 persoas, o que representa o 35% do total de usuarios/as.

O obxectivo do Proxecto Crear é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, persoas desempregadas de longa duración, etc. Para acadar esta finalidade, bríndanse aos usuarios diversas actuacións que pretenden:

• Analizar os seus intereses persoas e profesionais fronte ao emprego.
• Descubrir en que posto de traballo hai máis posibilidades de inserción.
• Identificar a formación que precisan para mellorar as súas posibilidades de éxito.
• Adquirir técnicas e recursos que os capaciten para unha busca de emprego axustada e autónoma.
• Coñecer as empresas de Santiago e a súa zona de influencia.
• Intermediar diante de posibles empregadores ou oferentes.
• Desenvolver ou potenciar habilidades para manter o posto de traballo.

Crear V
Xosé Manuel Iglesias tamén realizou un balance do Proxecto Crear V, que comezou o 15 de setembro e rematou en abril. Participaron 75 persoas, 40 mulleres e 35 homes. 49 delas (o 65,3%), accederon ao mercado laboral neste período de tempo. 24 son mulleres (o 62,5%) e 25 homes (o 71,4%). Esta cifra de persoas insertadas é case o dobre do obxectivo fixado pola Xunta de Galicia ao remate do programa, que é de 26 insercións, o 35% do total. Ademais, 23 participantes realizaron prácticas en 20 empresas.

Unha vez concretado o plan persoal de inserción, no que se definiron os perfis profesionais das/os participantes, desenvolvéronse obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. En total desenvolvéronse 20 cursos, que suman 395 horas lectivas. Rexistráronse 227 inscricións nas distintas accións formativas.

Despois da etapa formativa, o persoal docente e técnico levou a cabo unha prospección do mercado laboral, que incluíu visitas a empresas, e xestión de ofertas de emprego destinadas ás persoas usuarias do programa. Nesta fase fixéronse entrevistas co empresariado ou con responsables de Recursos humanos dun total de 966 empresas. O 84,05% pertencen ao sector secundario, un 15,63% ao sector terciario, e o resto ao sector primario. O Crear V contou cun orzamento de 125.647 euros, cofinanciados pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

As porcentaxes de inserción do Proxecto Crear V son superiores ás das anteriores edicións. No Crear IV acadouse un 57% de inserción laboral: 114 das 200 persoas participantes accederon ao mercado de traballo. No Crear III foi o 56%, xa que foron contratados 56 dos 100 usuarios.

Compartir: