COMERCIO

Aprobadas as bases das axudas destinadas a actividades de dinamización comercial

23/06/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou as axudas para a realización de actividades de promoción e dinamización comercial. O prazo de presentación de solicitudes ábrese a partires do día seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e remata o 13 de xullo.

Para estas axudas destinouse un orzamento de 78.000 euros. Teñen como obxectivo potenciar actuacións de formación e capacitación comercial, promover a creación de novas iniciativas comerciais, e promover melloras para os comercios en activo especialmente en tres áreas: na implantación de sistemas de calidade, en novas liñas de negocio e en atención ao público.

Pódense beneficiar destas axudas as asociacións de comerciantes ou ben calquera outra entidade representativa de pequenas e medianas empresas comerciais, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, teñan a súa sede social e ámbito de actuación no Concello de Santiago e que non estean integradas por empresas comerciais que operen en mercados municipais suxeitos a concesión administrativa. O investimento máximo subvencionable será de 30.000 euros por asociación/entidade solicitante. A porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 60% do investimento máximo subvencionable.

As Bases reguladoras da concesión de subvencións á realización de actividades de promoción e dinamización comercial no Concello de Santiago, que se poden consultar na páxina web da Concellaría www.maiscompostela.org, establecen como actuacións subvencionables as realizadas e pagadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2009. Deste xeito, o 15 de novembro será a data límite para exectuar as actuacións que fosen obxecto da subvención e para xustificar o correspondente investimento.

Considéranse subvencionables as actuacións relacionadas coa fidelización de clientela, coa potenciación das distintas tempadas comerciais do ano, coa implantación ou mantemento de servizos de apoio ao comercio retallista, actuacións de dinamización comercial na rúa e actuacións que teñan como obxectivo a dinamización do comercio detallista.

As entidades interesadas poden obter máis información sobre esta convocatoria nas oficinas de Promoción Económica, localizadas no Estadio de San Lázaro, porta 9; no teléfono 981 542 493; ou en www.maiscompostela.org. O horario de atención ao público é de 9:00 a 14:00 horas.

Compartir: