EDUCACIÓN

Comezan as actividades da VIII Escola Municipal de Verán

22/06/2009 O martes 23 abre as suas portas a VIII Escola Municipal de Verán, cuxas actividades se prolongarán, na súa edición de xuño, ata o día 30. Este programa, ademais dunha completa oferta lúdica e educativa, está na liña da Concellería de Educación para conciliar a vida laboral e familiar. A principal novidade deste ano é que se suma á iniciativa o CEIP López Ferreiro, substituíndo ao Quiroga Palacios, que está en obras.

Máis de 300 nenos participarán nesta edición da Escola Municipal de Verán, nun espazo de encontro e de lecer, cunha oferta pensada especialmente para o tempo de vacacións. Ao tempo, rendibilízanse os equipamentos escolares como espazos de aprendizaxe.

O programa configúrase en varias áreas, entre as que destacan os obradoiros de educación ambiental, con actividades como a construción de instrumentos musicais, a olimpiada do lixo ou os roteiros por zonas de interese, entre outros. No eido das artes plásticas, traballarase con diferentes técnicas (pintura, debuxo, papel maché) con fin de desenvolver a sensibilidade estética dos rapaces e rapazas.

A parte máis lúdica chegará da man dos grandes xogos e das actividades deportivas, e tamén dos xogos tradicionais, entre os que non falarán a corda, o trompo ou o diábolo. A todo isto hai que engadir sesións de contacontos e obradoiros de oralidade e escrita, entre outras actividades.

Poden participar na Escola Municipal de Verán nenos entre os 6 e os 12 anos. Os de 5 anos poderán participar sempre e cando un irmán/á estea inscrito e asista tamén. Ademais, no CEIP das Fontiñas habilitarase un espazo adaptado para os nenos e nenas de 3 a 5 anos. O impreso de inscrición deberá entregarse nas recepcións dos propios centros escolares.

As actividades desenvolveranse entre as 9:30 es 13:30 horas nos centros López Ferreiro, Fontiñas, Pío XII e Colexiata do Sar. Os monitores pertencen a Centro Don Bosco, Asociación Xuvenil da Cruz Vermella, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e Fundación Fesán.

Compartir: