CULTURA

aCentral Folque presenta a súa nova web

22/06/2009 Presentouse en Raxoi aos medios de comunicación a nova páxina web de aCentral Folque (Centro Galego de Música Popular): www.folque.com. Esta nova versión do portal ofrece unha estrutura dinámica para difundir as iniciativas da Central e diversa información sobre a música tradicional galega.

Mauro Sanín, responsable de comunicación de aCentral Folque definiu a nova versión de www.folque.com como "un lavado de cara, cunha nova imaxe e unha estrutura dinámica que permite albergar as novas iniciativas da Central". O novo portal web permite acceder de xeito sinxelo ás novidades do mundo da música, a todas as actividades da axenda do centro e a informacións útiles sobre os seus centros de estudo.

Logo de tres versións diferentes adaptadas ás necesidades de cada momento polo que pasou o proxecto, dende a súa creación en Lalín en 2002, esta cuarta versión ofrece novos servizos e unha imaxe acorde coa actual Central. A web ofrece, por primeiro, toda a información sobre o Centro Galego de Música Popular. Dende o apartado aCentral, os usuarios poden afondar no espírito do centro, coñecer o seu equipo de produción e contactar co mesmo. Ademais, baixo o epígrafe Ensino, ofrécese toda a información relativa aos centros de estudos xestionados polo colectivo: planos de estudos, equipos docentes e información para a matrícula de aCentral Folque Compostela e da Aula Folque Infantil de Pontevedra.

Para unha inmersión máis a fondo no mundo na música tradicional creouse o apartado + Folque, cun listado de vídeos, ligazóns, textos de interese e unha relación de artistas relacionados coa música tradicional. Tamén neste apartado poñeranse a disposición dos interesados unha colección dos mellores traballos de investigación no eido da música tradicional producidos polos estudantes de aCentral Folque nos últimos anos.

Web dinámica e en código aberto
Pola súa banda, Denís Mariño, da empresa Acordar Comunicación en Internet, creadora da nova versión da páxina, definiu a web como un sitio "dinámico, editado a través da intranet, o que permite unha actualización máis áxil da páxina, e emprega código aberto por php, o que posibilita que calquera programador poida coñecer o código da páxina e desenvolver o proxecto no futuro".

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, lembrou que aCentral Folque xorde como iniciativa dos profesionais relacionados coa música tradicional, mais conta co apoio da Concellaría que preside, a través dunha subvención nominativa, e contou ata o de agora co apoio da Consellaría de Cultura. Ademais aCentral desenvolve a súa actividade nun espazo propiedade do Consorcio de Santiago, o que amosa os froitos que achega unha boa cooperación e coordinación entre entidades e institucións.

Compartir: