TURISMO

Cincuenta estabelecementos participan con 109 propostas en "Santiago(é)Tapas"

19/06/2009 Santiago de Compostela celebra o seu II Concurso Santiago(é)Tapas. Do 25 de xuño ao 12 de xullo, composteláns e visitantes poderán lanzarse a percorrer cinco rutas, con 50 locais competidores, 109 tapas para degustar e votar, e moitos premios nesta orixinal peregrinación. Que ninguén quede sen o seu Tapasporte, a credencial que permite reunir os selos do bo comer na capital gastronómica galega.

Zamburiña mariñada en auga de mar con ovas de troita e sarabiada de caipiriña, espeto de choquiños con maionesa verde de algas e po de nori, papada de porco, cigaliña e limón, espetada de peixe sapo con tomate doce e leituga de mar, torrada de polbo e grelos ao queixo de Arzúa, Ravioli de lagostinos e salsa de ourizos ...

Este verán regresa o pracer de ir de tapas por Santiago de Compostela: Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela volven organizar o concurso Santiago(é)Tapas, para que os amantes da cociña en pequeno percorran cinco rutas e ata 50 estabelecementos votando pola súa tapa favorita.

Nesta aventura polas 109 mellores tapas da cidade os composteláns e os visitantes irán acompañados do Tapasporte, unha credencial para reunir os selos das taperías visitadas nesta peregrinación culinaria. A recompensa non é só turística ou gastronómica, porque hai premios para os participantes máis asiduos. As rutas, os estabelecementos participantes e as receitas que presentan a concurso poden consultarse na web www.santiagoetapas.com

¿Que son as (é)tapas?
O concurso Santiago(é)Tapas é una iniciativa de Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela para fomentar o turismo enogastronómico na cidade. A primeira edición en 2008 contou con 45 estabelecementos. Nos 16 días consumíronse perto de 20.000 tapas, repartíronse 6.000 tapasportes e entregáronse 267 premios.

A segunda edición do concurso quere consolidar ao evento como un atractivo turístico da capital galega. E para iso válese novamente dun mapa con cinco rutas, 50 locais inscritos (o número máximo permitido pola organización), 109 tapas a concurso, a votación do público, a votación do xurado e a posibilidade de gañar numerosos premios selando de bar en bar no Tapasporte.

O Tapasporte e os sus premios
O Tapasporte é unha guía de peto que mostra as cinco rutas de tapeo, a ubicación dos establecementos participantes e las tapas que ofertan. Ademais, facendo un símil coas credenciais que empregan os peregrinos no Camiño de Santiago, permite recoller o selo dos locais onde se consuman as tapas para acceder aos premios destinados ao público. O Tapasporte poderá recollerse a partires do 23 de xuño na Oficina do Concurso, habilitada na Praza de Galicia.

O uso do Tapasporte foi só individual en 2008, pero nesta edición expediranse tamén tapasportes para empresas, que permitirán aos membros dunha mesma empresa facer equipo mentres degustan as tapas.

Os premios individuais para as persoas que completen diferentes etapas van dende fins de semana en aloxamentos de turismo rural ata pantallas de LCD e outros agasallos seguros. O grupo da empresa máis participativo –é dicir, coa mellor media de tapeo- será premiado cunha estancia para todos no Pazo de Lestrove e recibirá un diploma durante a gala final o día 15 de xullo, na que se entregarán tamén os premios do público e do xurado ás tapas gañadoras.

Un paquete para vir a tapear
Para os equipos de empresas que se organicen fóra da cidade, Turismo de Santiago ofrece paquetes turísticos para chegar a Santiago e lanzarse a tapear sen demora. A oferta é de dúas noites en réxime de aloxamento e almorzo en hoteis de distintas categorías, tour gastronómico pola cidade, un exemplar da Guía Gastronómica de Santiago e o Tapasporte. Poden contratarse tamén moitas actividades á carta, como a sesión de Merco e cociño con..., ou a excursión gastronómica polas Rías Baixas, con visitas a cultivos acuícolas e adegas.

As condicións poden consultarse no teléfono 902 190 160 da Central de Reservas de Turismo de Santiago.

Tradición galega e innovación
Este ano preséntanse ao xuízo dos expertos e do público 109 tapas de entre 0,50 e 3 euros de prezo, que poderán ser solicitadas nos bares das cinco rutas.

Entre as propostas destacan as elaboradas con produtos galegos, como marisco, polbo, peixes das rías, tenreira galega, porco celta, queixos e produtos da horta; pero tamén receitas innovadoras nas que elementos das cociñas latinoamericana, europea, árabe e asiática combínanse coas delicias locais para sorpresa de todos.

¿Como vota ao público?
Ao probar unha tapa do concurso, ademais de pedir o selo para o seu Tapasporte, o público pode valorar a tapa. Para iso empréganse os pousavasos do concurso, que teñen que introducirse nunha furna no propio estabelecemento.

O xuízo do público será a base para conceder dous premios: Tapa do Público 09 á tapa máis votada polos clientes e (é)xcelente 09 ao local que reciba unha mellor valoración polo seu servizo e ambiente.

Entre todos os visitantes que cubran pousavasos sortearanse billetes de avión de Air Berlin a calquera dos seus destinos europeos dende España.

Os premios do xurado
Mentres o público proba as tapas por toda a cidade, un xurado de especialistas composto por cociñeiros, hostaleiros, xornalistas, bloggers gastronómicos e expertos en calidade alimentaria irá de incógnito aos estabelecementos para valorar as propostas do concurso.

Do seu veredicto dependen premios como a Mellor Tapa –a gañadora absoluta-, Tapa Tradicional –inspirada na tradición gastronómica galega-, a Tapa Creativa –a máis innovadora- Estrella Galicia 09 –a tapa que mellor maride coa cervexa- e Galicia Calidade 09 á tapa que mellor empregue produtos galegos de calidade.

Santiago(é)Tapas, iniciativa de Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela, conta co patrocinio privado de Estrella Galicia, o patrocinio institucional de Galicia Calidade e a colaboración especial da Praza de Abastos e o Grupo El Correo Gallego.

Compartir: