EMPREGO

Máis de 1.300 empresas colaboran co Servizo de Intermediación Laboral de Promoción Económica

19/06/2009 1.356 empresas de Santiago e comarca colaboran co Servizo Municipal de Intermediación Laboral da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Os datos destas entidades, todas elas fidelizadas, están no aplicativo informático do servizo, denominado Plataforma de Intermediación Laboral, no que tamén hai inscritas 2.643 persoas, entre demandantes de emprego e traballadores/as que buscan mellorar as súas expectativas laborais.

Nos dous últimos meses, concretamente dende o 22 de abril, estas empresas solicitaron persoal para cubrir 103 postos de traballo. A Plataforma de Intermediación Laboral ten como obxectivo facilitar a prestación do servizo a través dunha xestión áxil, eficaz e personalizada das ofertas e das demandas laborais.

A maioría das empresas que colaboran co Servizo de Intermediación laboral, pertencen, segundo a clasificación da CNAE 2009, ao sector de actividade de comercio ao por maior e ao por menor, reparación de vehículos de motor e motocicletas. Son 405, o 29,87% do total. Os seguintes sectores máis numerosos son, por esta orde, outros servizos, con 196 empresas inscritas; construción, con 114; e información e comunicación, con 84 empresas rexistradas.

Espazo integrador
O Servizo Municipal de Intermediación Laboral concíbese coma un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego así coma a intermediación laboral cas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes. Un equipo de técnicos expertos en orientación-inserción profesional realiza unha entrevista a cada un das persoas usuarias para elaborar a diagnose do proxecto profesional. Esta diagnose sirve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar.

Todas as solicitudes presentadas no servizo introdúcense na Plataforma de Intermediación Laboral. O sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, ao crear bases de datos e rexistros cualificados que facilitan o servizo de ofertas laborais ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respecta sempre a confidencialidade das/os usuarias/os.

Ademais, o Servizo Municipal de Intermediación Laboral dispón dun listado de ofertas de emprego actualizado diariamente que se envía por correo electrónico a todas as persoas usuarias do servizo e/ou participantes en programas de emprego da Concellaría. Este boletín de ofertas de emprego tamén está a disposición das persoas que visitan as oficinas de Promoción Económica e Emprego.

Compartir: