MEDIO AMBIENTE E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Actividades ao aire libre para todos os públicos en "Vive o Verán!"

19/06/2009 Presentouse no Parque de Belvís o programa da segunda edición de Vive o Verán!, unha iniciativa das concellarías de Cultura e Centros Socioculturais e Medio Ambiente, que ofrece un amplo abano de actividades ao aire libre para todos as idades. A programación iníciase o sábado 20 coa celebración da Feira do Sol na Alameda e unha romaría no Local Sociocultural de Cesar, e prolongarase durante os meses de xullo e agosto.

Na presentación da programación de 2009 de Vive o Verán!, Socorro García foi a encargada de debullar o calendario de actividades, destacando a vontade desta iniciativa "de procurar o diálogo coa poboación de Compostela a través da utilización do espazo público". O programa está orientado aos usuarios de centros socioculturais que, chegado o verán, atopan unha diminución da oferta de actividades, sobre todo as relacionadas co movemento. Ao tempo, procura a implicación do público de Compostela que non adoita participar nas actividades dos centros socioculturais, por descoñecemento das mesmas ou por falta de hábito.

A edil subliñou tamén as novidades do programa neste 2009, que vén a dar continuación e mellorar a oferta de 2008, no que case 2.500 persoas participaron da iniciativa. Así, haberá un incremento das actividades físicas, aumentando as xornadas de taichi e ximnasia nos parques até os 4 días á semana. Ademais, incorporaranse actividades de ximnasia en horario de 20.00 a 21.00 horas.

Outra das novidades é a oferta de cinema ao aire libre no rural, que achegará a sétima arte a parroquias e lugares nos que rara vez se teñen realizado proxeccións cinematográficas. Tamén se constatan novidades a nivel de contido, con programas anovadores como o obradoiro de construción de papaventos, observación de estrelas, liberalibros, os xogos tradicionais ou as excursións ao parque acuático de Cerceda. Ao tempo, o Xogandoando dobra o número de prazas e aumenta nunha semana máis a súa oferta.

Colaboración entre entidades e institucións
Na edición de 2009 de Vive o Verán! contouse coa colaboración de diferentes entidades e institucións coas concellarías de Cultura e Medio Ambiente, que enriqueceron a oferta do programa. Así cooperan Arteria Noroeste, Curtocircuíto e os clubs Vega de Astronomía e Astronomía na Beirarrúa.

Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, fixo un repaso das actividades que se van desenvolver no medio natural. A edil destacou o programa de roteiros polos ríos de Compostela, que percorrerán os cursos fluviais do Sar, Sarela, Tambre, Santa Lucía e a Vía Verde. Ademais, as visitas guiadas aos parques da cidade permitirannos coñecer máis a fondo estes espazos privilexiados para gozar e aprender do medio ambiente. Vive o Verán! pretende chegar a uns 8.000 usuarios dos centros socioculturais.

Documentos relacionados



Compartir: