EDUCACIÓN

O Día Europeo da Música leva os instrumentos ás prazas e ao Casino para dar a benvida ao verán

19/06/2009 O domingo 21 de xuño celébrase o Día Europeo da Música. Esta cita levará a música ás rúas e prazas de Compostela, ao Casino de Santiago e ao Hospital Clínico, nunha xornada que serve para dar a benvida ao verán.

Este Día Europeo da Música é unha oportunidade tamén para que os alumnos da Escola Municipal de Música de Santiago ou do Estudio Escola de Música, amosen os seus coñecementos nun marco distinto ao habitual. Así o destacou a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e a directora da Escola, Sara Domínguez, que estiveron acompañados polo director do Estudio Escola, Jesús Atanes.

Tamén participou na rolda de prensa o vicepresidente do Casino de Santiago, Ubaldo Rueda, quen explicou as orixes deste Día Europeo da Música, nado hai máis de 20 anos a iniciativa dos ministros de Cultura da Unión Europea. "Naceu co obxecto de que a música marcase o inicio do verán, a época máis festiva do ano, e que a música saíse ás rúas".

O programa do Día Europeo da Música arrinca realmente por motivos loxísticos o venres 19, ás 18:00 horas, cando os nenos e nenas do Coro do Estudio Escola de Música darán un concerto para na Escola Camilo José Cela do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Xa o domingo 21, os concertos comezarán ás 12:00 horas no Casino de Santiago, coa presenza de Javier Varela Prado e Chema Ares, cun espectáculo de jazz e blues improvisado a catro mans. Media hora máis tarde, na praza do Toural, actuación do Coro da Escola Municipal de Música. De xeito paralelo, soará o piano de Daniel Airiño no Casino. No mesmo escenario, ás 13:30 horas, vez para o violoncello de Iago Domínguez Eiras e para o piano de Paulo Brasil.

Pola tarde, os concertos comezan ás 18:00 horas tamén no Casino, cunha nova entrega de Javier Varela e Chema Ares. Media hora despois, na praza das Praterías, Lobalú Trío realiza unha fusión de jazz e bossa nova con pop e folk. Ás 19:00 horas, no Casino, mostra de piano e viola a cargo de Sara Domínguez e Mario Diz, profesores da Escola Municipal de Música. A primeira cambiará de parella artística para tocar media hora máis tarde, tamén no Casino, con Irene Estévez. Dez minutos despois, música interpretada ao piano por Noa Ferreira.

Para encarar a fin da xornada, ás 20:00 horas, dous concertos máis. O primeiro, no Casino, terá como intérpretes a mar Fontes, Julián Sende, Marcos Rodríguez Varela, Antonio Cabrea, Sara Domínguez, Antía Rei e Mario Diz, todos alumnos ou profesores da Escola. O segundo levará ao Toural a música de boleros e jazz de José Nine Cuarteto e Loli Nogueira. O programa remata ás 21:30 horas. Mentres no Toural estará a Bakin’ Blues Band, no Casino tocarán e cantarán Esperanza Mara Filgueira e Paula Gago Otero.

Documentos relacionados



Compartir: