BENESTAR SOCIAL

A Rede de Inserción Sociolaboral de Santiago mellorará a coordinación entre as entidades de loita contra a pobreza

19/06/2009 A Concellería de Benestar Social, xunto con 15 entidades de iniciativa social do municipio de Compostela, veñen de asinar a creación da Rede de Inserción Sociolaboral de Santiago de Compostela. Esta entidade xorde co obxectivo último de mellorar a coordinación entre as entidades e as posibilidades de inserción dos colectivos en risco de exclusión da cidade.

A finalidade principal desta iniciativa pasa por promover unha rede comunitaria de apoio para combater a desigualdade a nivel social, establecendo mecanismos de cooperación entre todas as entidades implicadas directa ou indirectamente na loita contra a pobreza e a exclusión social. Así o explicou a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, quen indicou que o obxectivo que se pretende coa rede é a mellora dos servizos ofertados polas entidades participantes e a xeración dun innovador sistema de coordinación e desenvolvemento.

A acción común que a rede supón pretende ser un reforzo ás accións que cada organización pon en marcha individualmente co obxecto de xuntar esforzos e recursos. En palabras da concelleira, "queremos dinamizar e cohesionar a rede e cubrir os ocos que poidan deixar as propias asociacións".

As entidades que conforman a rede son: Concellería de Benestar Social e Igualdade, representada polo Equipo de Inclusión Sociolaboral; Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD); Unidade Técnica de Emigración; Confederación Galega de Persoas con Discapacidade; Cruz Vermella; Down Compostela; Federación de Asociación en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA); Confederación Española de Agrupación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES); Fundación Secretariado Xitano; Cáritas Interparroquial; Cáritas Diocesana; Asociación Para o Emprego e a Formación de Persoas con Discapacidade (FSC INSERTA); IGAXÉS-3; Plataforma polo Emprego; TP Galicia; e Federación de Asociacións de Persoas Xordas.

Compartir: