DEPORTES

Actividades deportivas e de ocio para os 8.000 deportistas da fase final da Compostela Cup do Camiño 2009

18/06/2009 O concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Bernardino Rama, adiantou as actividades complementarias que cada edición acompañan á competición oficial da Compostela Cup do Camiño 2009 e que teñen o obxectivo de fomentar a práctica doutras disciplinas deportivas.

Estas actividades comezarán na tarde do 18 xuño coas exhibicións deportivas de loita e xadrez que se celebrarán no Centro Comercial Área Central e que tamén poderán contemplarse os días 23 e 25 de xuño. Os tres días dende as 18:00 ás 20:00 horas.

O día 26 de xuño, a Compostela Cup vivirá o seu "Acto inaugural - Día da Árbore" no Monte do Gozo. A partir das 12:00 horas desenvolveranse diversas actividades deportivas e de ocio: xogos populares (chave, billarda, arcos, sacos), circuíto BTT, tiro con arco, xadrez, inchables de precisión-tiros a portería, futbito, rocódromo e sorteo de agasallos entre os participantes. Tras a chegada das autoridades asistentes, á 12:45 horas, haberá unha plantación de árbores. E ás 22:00 horas celebrarase a "Noite Meiga", con discoteca-DJ, actuación de maxia, queimada, bebidas sen alcohol para todos os deportistas e sorteo de agasallos.

Os participantes poderán gozar da maior parte das actividades deportivas e de ocio relatadas no parágrafo anterior entre os días 23 e 27 de xuño e 1 a 4 de xullo. Nestas datas tamén haberá obradoiros de debuxo, salas de lectura, dogos e televisión. Todo isto nos seguintes horarios: 10:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 horas. Tamén estará á disposición dos participantes a oficina permanente e a tenda oficial. E entre as 21:00 e as 24:00 horas haberá sesión disco.

E, por último, os participantes na Compostela Cup do Camiño tamén poderán solicitar visitas guiadas para coñecer Santiago de Compostela ou realizar excursións á Costa da Morte, ás Rías Baixas ou asistir á exposición Galicia Dixital, concertando estas actividades previamente coa organización do torneo a través do teléfono 981 555 177.

En referencia a estas actividades, Bernardino Rama comentou que é importante que os máis de oito mil deportistas que participarán na fase final da Compostela Cup do Camiño "teñan tamén actividades lúdicas e que os afeccionados ao deporte poidan contemplar as exhibicións doutras disciplinas deportivas". Subliñou tamén o feito de que, por quinto ano consecutivo, a través da Compostela Cup do Camiño Santiago sexa "un referente deportivo e turístico a través do Camiño".

Rama tamén falou da reunión mantida co conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela. "Falamos do que significa a Compostela Cup do Camiño para Santiago a favor dos municipios cos que traballamos; queremos que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e do Xacobeo, estean unha vez máis con nós e sexamos capaces de seguir avanzando no que é un proxecto estable e firme, non só no Ano Santo 2010", explicou.

A bicicleta de montaña, nova especialidade na Compostela Cup
Bernardino Rama tamén presidiu a presentación das probas de mountain bike da Fase Final da Compostela Cup do Camiño 2009. Esta competición celebrarase o sábado 20 de xuño na área recreativa A Granxa do Xesto, no Monte Pedroso.

A celebración do II Mini BTT e o XII Premio Aquagest-Open Galego de BTT supón unha das principais novidades desta edición da Compostela Cup do Camiño, que por primeira vez contará cunha proba desta especialidade do ciclismo, que estreou a súa andadura na Compostela Cup na pasada edición.

Circuítos
O circuíto na Granxa do Xesto da proba de Mini BTT é moi curto e cheo de curvas, con algunha pequena subida e desenvolverase na zona pegada ao restaurante. A competición terá dúas mangas, unha ás 11:00 horas e outra unha hora máis tarde, que conta coas categorías principiantes, promesas, benxamíns, alevíns e infantís.

Pola tarde, os afeccionados tamén poderán presenciar no mesmo escenario o XII Premio Aquagest-Open Galego de mountain bike, a partir das 16:30 horas. O circuíto será curto, para que a xente poida ver aos corredores o maior número de veces posible. As categorías desta proba son as de: elite-sub 23, júnior, sénior, master 30, master 40/50/60, féminas e cadete.

Os equipos que desexen participar nestas dúas probas poderán inscribirse dende as 09:00 ás 10:00 horas no caso da proba de Mini BTT, e dende as 14:30 ás 16:00 horas no do XII Premio Aquagest-Open Galego de mountain bike.

Compartir: