BENESTAR SOCIAL

O concello achegará máis de 16 mil euros para cinco entidades de carácter social

26/10/2005 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo asinou o mércores 26 de outubro, cinco convenios de carácter social con entidades e ONGs colaboradoras que desenvolven na nosa cidade un importante papel na atención social .

Os convenios derivan das competencias das corporacións locais para potenciar a participación de persoas e grupos na vida comunitaria, fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo e o voluntariado, así como favorecer a toma de conciencia da cidadanía sobre os seus problemas e poñer en marcha mecanismos que fagan posíbel a participación destes na busca de solucións e na xestión dos servizos e actividades que se demanden.

Os convenios, que supoñen unha achega total municipal de 16.167,22 euros, foron asinados coas seguintes entidades:

-Asociación de Avoas de Pontepedriña, representada por Monserrat Pérez González. Esta entidade ten por obxecto favorecer a interrelación e o apoio mutuo entre as mulleres maiores do barrio de Pontepedriña e a promoción e posta en práctica de actividades recreativas, educativas, culturais e de promoción social das persoas maiores, familiares e coidadores destas. A través deste convenio a asociación desenvolverá os seguintes obradoiros: "Obradoiro baseado en dinámicas afectivas", "Clases de Mantemento Físico e Rehabilitador", "Talleres socio/culturais" e "Taller de Bordado". Con este fin, o Concello achegará 2.103,54 euros.

-Asociación Fonte da Virxe de Familiares e amigos dos enfermos mentais, representada por María Jesús Díaz Lorenzana. Este entidade ten por obxecto promover a recuperación, a integración social, a mellora da asistencia e da calidade de vida das persoas que padezan trastornos mentais, así como a defensa dos seus intereses e dereitos, incluíndo tamén a protección das persoas que padecen unha enfermidade mental que sexan menores de idade ou incapacitados.

A través deste convenio, a asociación desenvolverá o "Programa respiro familiar para persoas que padecen unha enfermidade mental crónica" no municipio de Santiago de Compostela, para o que o Concello achegará 3.005,06 euros.

-Asociación de persoas xordas de Santiago de Compostela, representada por María Pampín Silva. Esta entidade ten por obxecto defender as liberdades, a integración educativa, laboral, cultural, a plena igualdade e participación social, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida conseguir a eliminación de barreiras de comunicación, como xeito de facilitar a súa integración dentro da sociedade, garantindo o dereito a participar activamente en todos os aspectos da vida social, o que é un factor decisivo para este colectivo historicamente privado do acceso á información.
O presente convenio ten por obxecto estabelecer os termos da colaboración entre as partes asinantes, para implementación por parte da asociación do servizo de intérprete de Linguaxe de Signos. Con este fin, o Concello aportara 5.950,02 euros.

-Asociación de Voluntariado Social Rogas, representada por María José Turnes Negreira. Esta asociación ten por finalidade o desenvolvemento dunha labor humanitaria e social baseada nos principios do pluralismo, solidariedade e non discriminación, especialmente a favor dos colectivos máis desfavorecidos.

Este convenio ten por obxecto fixar os termos da colaboracións para a constitución "dun espazo aberto de voluntariado" e para facilitar o desenvolvemento dos programas de "Apoio escolar a minorías étnicas", "Promoción e apoio a persoas con discapacidade" e "Apoio a menores en situación de risco social". Con este fin o Concello aportara 2.103,54 euros

-Asociación de Viúvas Rosalía de Castro, representada por Pastora Nieto Gómez. Esta asociación ten por finalidade promover, impulsar, dirixir e unir os esforzos das asociadas no exercicio e na defensa dos dereitos das viúvas e orfos no cumprimento das súas obrigas; colaborar coas entidades e organismos no orde a un mellor desenvolvemento das súas obrigas e promover as formación das asociacións locais.
O convenio ten por obxecto colaborar no custo de alugueiro do local que serve para a realización das actividades desta asociación para o que o concello achegará a cantidade de 3.005,06 euros.

Compartir: