PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Unha festa participativa abre o amplo programa de actividades para o verán da Casa das Asociacións

18/06/2009 A Concellería de Participación Cidadá preparou un completo programa de actividades para todos os veciños no marco da recentemente aberta Casa das Asociacións. Este espazo adquire a súa dimensión máis participativa e dinamizadora cun calendario que inclúe propostas de teatro, astronomía, baile, obradoiros ou exposicións.

A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez presentou este programa de verán, que se abre coa 1ª Festa participativa da chegada do solsticio de verán mañá venres, ás 21:30 horas, en colaboración co tecido asociativo compostelán. Alí, na Casa das Asociacións, haberá unha sardiñada, cacharela, queimada con conxuros e bruxas e diversas actuacións musicais.

As actividades continúan co obradoiro Falando en verde, destinado a rapaces de 7 a 12 anos e que se celebrará do 23 ao 30 de xuño. Este taller volverá a celebrarse do 1 ao 10 de setembro. O seu horario: polas mañás de 10:00 a 13:30 horas.

Teatro, astronomía e baile
No calendario de propostas tamén figura o Teatro, con dúas funcións o 24 de xuño da obra A danza das bruxas, neste caso no Teatro Principal. Miguel Carbajal, do IES da Estrada, dirixe esta representación, que os composteláns poderán ver ás 19:30 e ás 21:00 horas.

As despexadas noites do verán serán aproveitadas para realizar as Noites de Astronomía. En colaboración co Club Compostelán Astronomía Vega, visualizaranse os fenómenos astronómicos o venres 26 de xuño dende as terrazas da Casa das Asociacións. Ata 75 persoas poderán participar nesta sesión a partir das 22:30 horas.

Para os que prefiran algo máis animado, a Concellaría preparou varios bailes os primeiros sábados de mes. O 4 de xullo estará a orquestra Solymar, mentres que o 1 de agosto a sesión será de baile disco e karaoke. Para rematar, o 5 de setembro, estará na Casa a orquestra Luzada. Todos os bailes desenvolveranse entre as 18:00 e as 21:30 horas.

Xa na primeira semana de setembro, está prevista a celebración da 1ª Xornada de encontro con líderes asociativos composteláns para a mediación na resolución de conflitos comunitarios. Haberá unha conferencia de Raquel Castillejo Manzanares, profesora de dereito procesual da USC, e talleres impartidos por mediadoras da Asociación Galega de Mediadores (AGAMIX).

Exposicións
Ao longo do verán os que se queiran achegar ata a Casa das Asociacións tamén poderán contemplar varias exposicións. A primeira, do 1 ao 15 de xullo, sobre "O Cambio Climático" é unha reflexión sobre a importancia de adoptar novos comportamentos na nosa vida cotiá. Logo, do 17 de xullo ao 14 de agosto, oportunidade para ver a Compostela vista polo artista portugués José Monteiro. O propio artista estará o 17 de xullo para inaugurar a mostra e asinar reproducións da súa obra.

Entre o 18 e o 31 de agosto exporase "Un mundo de auga", exposición didáctica sobre os nosos ríos e a importancia da auga na actualidade. O ciclo de exposicións pecharase en setembro coa exposición dos diversos traballos feitos polas asociacións veciñais.

Oferta permanente aos veciños
Guadalupe Rodríguez aproveitou para lembrar tamén a ampla oferta que a Casa das Asociacións ofrece aos veciños composteláns. Tal é o caso do Programa de Conciliación Familiar e Laboral, que ofrece, por exemplo, un espazo para nenas e nenos a partir de 6 anos para compartir o seu tempo de lecer. De martes a venres, de 17:30 a 20:00 horas, hai xadrez, damas, parchís, xogo da oca, trivial ou monopoly; os xoves, de 17:30 ás 20:00 horas, karaoke; e os venres, de 17:30 a 20:00 horas, cine.

Igualmente, segue a desenvolverse o Programa de Excursións para as Asociacións Veciñais "Coñecendo o país", que permite realizar máis de 40 percorridos diferentes ao longo da nosa xeografía e participar da nosa cultura e gastronomía.

Na Casa das Asociacións existen espazos para compartir: biblioteca, zona de lectura, prensa, zona de xogos, zona wi-fi, salas de reunións, salóns multiusos ou venda de entradas para as asociacións sen local. E tamén se pode acceder ao fondo de recursos: audiovisuais, carpas, palco ou outros materiais para actividades asociativas.

Ademais, estase a colaborar coa Concellería de Benestar Social no Banco do Tempo, o sistema de intercambio cuxa medida é a hora de tempo destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos entre as persoas de Santiago. Todo isto complementado con roteiros pola cidade, apoio ás actividades asociativas e coa canalización das demandas dos veciños de Santiago.

Consello de Relacións Veciñais
A Concellería de Participación Cidadá traballa xa cara unha nova programación da Casa, a materializar no programa Xacobeo 2010, espazo de participación. Esta proposta presentarase no Consello de Relacións Veciñais que se realizará en Setembro. Tamén nese Consello falarase da proposta que se lle fará á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para que sexa festivo o día de San Xoán.

A Casa das Asociacións, na antiga estación de ferrocarril de Cornes, ten os seguintes horarios de apertura: de luns a venres, polas mañás de 9:00 a 14:00 h; de martes a venres, polas tardes de 16:30 a 21:30 h; e os sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas. Para ir ata a Casa, pódense empregar as liñas de autobús urbano 5 (Vite-Conxo/A Rocha), C2 (Estación de Autobuses-Fontiñas-Hospitais-Vite), e C4 (Estación de autobuses-Vite -Hospitais –Fontiñas).

Compartir: