PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nace unha nova asociación empresarial en Santiago

17/06/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, participou no acto de presentación oficial da asociación empresarial Em-Rede, presidida por Eva Lopez. Integrada por 19 empresas, a idea xurdiu en maio de 2007, a proposta da Concellaría dentro do proxecto Equal Compostela Social. No marco deste programa de fomento do autoemprego creáronse 64 empresas nos anos 2006 e 2007. Entre os obxectivos de Em-Rede está apoiar as iniciativas empresariais entre persoas emprendedoras, servir de canle de comunicación entre empresas para crear redes propias de mercado, e proporcionar aos asociados servizos de información, asesoramento, formación, etc.

Na súa intervención, Xosé Manuel Iglesias, destacou a aposta da Concellaría de Promoción Económica pola creación de novas empresas en Santiago, e o apoio a iniciativas, como o asociacionismo, que teñan por obxectivo contribuir a consolidar o noso tecido empresarial nun contexto económico desfavorable e cada vez máis competitivo. Neste proceso, tanto as novas empresas como as que xa levan tempo constituídas, contan co Servizo de Apoio á Empresa (SAE) que ofrece a Concellaría de Promoción Económica. Este servizo pon a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento, consolidación e crecemento dos seus negocios.

O SAE cubre as diferentes etapas polas que pasa unha empresa desde que aínda é un proxecto ata que xa está consolidada, coa prestación de servizos de información, orientación e asesoramento, formación, e intermediación laboral. Cada unha destas etapas conta con ferramentas propias e intégrase en programas adaptados ás necesidades que en cada momento presenta a empresa, a persoa emprendedora ou o empresariado. No que levamos de ano, o SAE leva rexistradas 95 peticións de información sobre proxectos empresariais.

Hai un Servizo de apoio ao emprendemento, un Concurso de novas ideas empresariais e a liña de incentivos Axudas para a creación de novas empresas Compostela Activa 2009. Ata o 31 de xullo está aberto o prazo para inscribirse en ambas convocatorias, que contan cun orzamento de 104.000 euros (bases en www.maiscompostela.org e no BOP do 15 de xuño de 2009) Ademais, a Concellaría de Promoción Económica participa nos dous viveiros empresariais da cidade. O Concello ten o 49% de Uninova, o viveiro empresarial da Universidade de Santiago, e colabora, xunto á Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia no viveiro da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, situado no polígono empresarial da Costa Vella.

O Servizo de Apoio á Empresa tamén conta co Plan de Formación 2009, que ten como obxectivo aumentar a capacitación profesional e especialización das persoas beneficiarias mediante a mellora das súas habilidades e/ou a adquisición de novos coñecementos que amplíen as súas expectativas de insercion laboral, mellorando así a calidade dos recursos humanos dos que dispoñen as empresas da cidade, e polo tanto, a competitividade das mesmas. Neste momento está aberto o prazo de inscrición en 13 cursos por teleformación destinados ao sector industrial, ao empresariado e a persoas emprendedoras, e no Curso de inglés para a atención de persoas extranxeiras, dirixido ao sector comercial e hostaleiro.

Documentos relacionados



Compartir: