CULTURA

As concellarías de Cultura de seis cidades propoñen a Ricardo Carvalho Calero como homenaxeado para as letras galegas de 2010

17/06/2009 Celebrouse en Raxoi un encontro entre os representantes das concellarías de Cultura das cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo, do que saíu un acordo asinado para propoñer a candidatura de Ricardo Carvalho Calero como homenaxeado na celebración do Día das Letras Galegas do ano 2010.

A concelleira compostelá de Cultura, Socorro García Conde, salientou a necesidade de recoñecer a figura de Ricardo Carvalho Calero, quen, case 20 anos despois do seu pasamento, aínda non recibiu o seu merecido recoñecemento. Segundo indicou a edil, "a homenaxe sería especialmente acaída no ano 2010, ao cumprirse o centenario do seu nacemento".

Socorro García afondou na figura de Carvalho Calero que, cunha das máis completas e extensas traxectorias vitais en defensa da cultura galega, converteuse nun dos persoeiros fundamentais no campo da literatura e a lingua galegas. No seu labor literario destaca fundamentalmente como poeta, constituíndo todo un referente para a xeración de poetas dos 80, década na que publica obras destacadas como Pretérito Imperfeito, Futuro condicional, Cantigas de Amigo e Outros Poemas ou Reticências.

Como narrador obtivo o Premio da Crítica pola súa novela Scórpio, considerada por moitos como a mellor escrita en galego. Tamén escribe varias pezas dramáticas recollidas no seu Teatro Completo, e posúe unha extensa produción como crítico.

Compromiso na defensa da literatura e a lingua galegas
Mais a relevancia da súa figura transcende o eido da produción literaria, destacando o seu compromiso pola defensa da lingua e a literatura propias a través dos seus estudos e posicionamento ideolóxico. Entre os seus méritos atópase ser cofundador da Editorial Galaxia, onde publica a primeira obra narrativa en galego na posguerra, A Gente da Barreira.

Membro de honra da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e da Asociación de Escritores da Lingua Galega (AELG), e membro ordinario da Real Academia Galega (RAG) e da Academia das Ciências de Lisboa, Ricardo Cavalho Calero foi unha figura clave para entender a investigación lingüística e literaria galega. A súa Gramática Elemental del Gallego Común superou todas as precedentes e actualizou con rigor científico o estudo da lingua, e a súa monumental Historia da Literatura Galega Contemporánea constitúe por vez primeira un esforzo de investigación da nosa literatura actual, unha interpretación crítica dos escritores que dende Rosalía a Cunqueiro cubriron un proceso fundamental na historia das nosas letras contemporáneas.

O documento asinado polas concellarías das cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo será remitido de inmediato á Real Academia Galega que está próxima a decidir a identidade do homenaxeado no Día das Letras de 2010.

Documentos relacionados



Compartir: