BENESTAR SOCIAL

Unha proposta sobre xogos de internet e redes sociais presidirá a Campaña de sensibilización do consumo de alcohol

17/06/2009 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, e o vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira, deron a coñecer o nome da gañadora do concurso de ideas para a campaña publicitaria de sensibilización do consumo de alcohol. Natalia de la Iglesia Cid, estudante de 3º de Comunicación Audiovisual na USC, foi a elixida por un traballo que combina a descarga de xogos de Internet de sensibilización coa difusión de contidos a través das redes sociais. A campaña levará como lema "¿Que toca esta noite?".

A idea gañadora aposta por desenvolver unha páxina web dende a que se poderán descargar xogos de internet moi simples que implicarán unha parte educativa e de sensibilización. O aspecto máis novidoso desta proposta é que o elemento de comunicación fundamental serán as redes sociais, nas que se difundirá esta dirección web. E como elemento dinamizador, os participantes, que accederán a xogos aleatoriamente, poderán optar a regalos de tipo cultural e educativo.

Este concurso de ideas para a Campaña publicitaria de sensibilización sobre o consumo de alcohol entre os mozos forma parte dos programas municipais de prevención de drogodependencias promovidos pola Concellería de Benestar Social e Muller. O seu obxectivo era buscar unha idea de mozos para mozos. Buscábase tamén unha axeitada capacitación técnica para a transmisión de contidos, polo que se recorreu ao alumnado das titulacións de Comunicación Audiovisual e Xornalismo da Universidade de Santiago.

O concurso materializouse a través dun procedemento aberto de participación, coa presentación dunha serie de propostas logo analizadas por un xurado. As mensaxes da campaña debían conter ideas como que a inxestión de alcohol non implica diversión asegurada ou que o ocio nocturno non leva implícito o consumo de alcohol.

O premio para o concursante ou equipo gañador é de 1.500 euros. A elixida neste caso, Natalia de la Iglesia Cid, tamén poderá participar nunha mesa de traballo formada por técnicos co obxecto de desenvolver a idea gañadora. Para iso, cóntase cun orzamento de 7.000 euros.

Ademais desta presentación pública, a Campaña difundirase a través dos mupis da cidade e nun acto público previsto para o mes de outubro. Sobre a web prevista, está por definir o tipo de xogos que se inclúan nela pero, en calquera caso, terá un carácter interactivo.

Compartir: