INFRAESTRUTURAS E CIRCULACIÓN VIARIA

Modificacións de tráfico nocturnas en Amor Ruibal e Antón Fraguas por mor das obras do túnel do Hórreo

17/06/2009 As obras do túnel do Hórreo obrigan a realizar cortes temporais de tráfico os días 24, 25, 29 e 30 de xuño. Estes traballos, que teñen que ver coa rede de abastecemento de auga, realizaranse de noite, entre as 22:00 e as 6:30 horas, co fin de minimizar as molestias.

Os concelleiros de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, e de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, explicaron estes cortes de tráfico, acompañados do xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, e do técnico da obra Daniel Valcárcel. Os cortes comezarán o mércores 24, data en que a rúa Amor Ruibal perderá os seus dous carrís en sentido Pontepedriña. Ao día seguinte, xoves 25, os carrís cortados serán os do sentido contrario. En ambos días sempre haberá aperativo un carril en cada dirección.

O primeiro dos cortes no vieiro Antón Fraguas realizarase o luns 29, día en que non se permitirá a circulación dende a rotonda de Conxo no sentido cara Pontepedriña, O martes 30 o corte realizarase á inversa. Nestas dúas noites, os condutores deberán utilizar o cuarto xiro de Cornes como vieiro alternativo. Estes cortes e desvíos estarán debidamente sinalizados.

Cómpre recordar unha vez máis que os cortes realizaranse entre as 22:00 e as 6:30 horas, co obxectivo de provocar a menor incidencia posible sobre o tráfico. Os veciños destas zonas foron debidamente informados das modificacións.

Compartir: