ALCALDÍA

Compostela irmándase coa cidade italiana de Pisa

16/06/2009 O concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, firmou o acordo de irmandamento coa cidade italiana de Pisa. O acto tivo lugar na Abadía di San Zeno dentro dunha cerimonia múltiple na que a cidade italiana se irmandou ademais con outras tres cidades: a dinamarquesa de Kolding, a chinesa de Hangzhou e a grega de Rhodas.

Tras a cerimonia, a delegación compostelá mantivo un novo encontro con membros do Goberno da cidade de Pisa capitaneados polo seu alcalde. Neste intercambio de impresións acordouse a necesidade de recuperar a ruta de peregrinación dende Pisa a Santiago. Este "camiño pisano" a Compostela foi percorrido por Santa Bona no século XII. Esta santa nacida en Pisa e coñecida como a "santa viaxeira", peregrinou a Compostela nove veces e difundiu o Camiño de Santiago por toda Italia. No mes de agosto, o Concello de Pisa enviará a un grupo de peregrinos a percorrer esta ruta, como primeira acción promocional para recuperar o camiño.

Na reunión falouse tamén de promover acordos en materia de turismo, rehabiltación e no ámbito universitario. Pisa e Santiago son dúas cidades de tamaño medio, cunha longa tradición histórica, sedes de universidades centenarias de gran tradición, con conxuntos monumentais recoñecidos como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e ambas destinos turísticos de grande importancia, coñecidos internacionalmente.

O irmandamento con Pisa foi aprobado por unanimidade no pleno municipal o 27 de decembro de 2007. A ratificación do acordo firmarase en Santiago previsiblemente na primavera do 2010.

Pola tarde houbo tamén unha reunión na que participaron os líderes de todas as delegacións presentes desde onte en Pisa con motivo dun congreso sobre a inmigración, onde Andrés Fariña, á cabeza da delegación santiaguesa, tivo a oportunidade de intercambiar pareceres coas cidades de Angers (Francia), Unna (Alemania), Kolding (Dinamarca), Rhodas (Grecia), Hangzhou (China). O obxectivo desta xuntanza múltiple é poñer en contacto a todas estas cidades, irmandadas con Pisa, para promover a colaboración institucional entre elas.

Compartir: