CIDADE HISTÓRICA

Informe municipal sobre a Reforma Integral do Edificio de Correos

16/06/2009 En relación coa licenza de obras para a Reforma Integral do Edificio de Correos, o Concello de Santiago quere puntualizar:

1) A Xunta de Goberno Local na sesión do 5 de Xuño de 2006 acordou conceder licenza á Sociedad Estatal Correos y Telégrafos S.A., para as obras de Reforma Integral do Edificio de Correos na Rúa do Franco nº 6, Travesa de Fonseca s/n e Avda. Rodrigo de Padrón nº 1, segundo o proxecto básico e de execución, planos modificados e a documentación anexa redactada polos arquitectos Enrique Solana de Quesada, Galo Zayas Carvajal e Ismael Ameneiros Rodríguez.

2) A intervención foi informada favorablemente por unanimidade pola Comisión Asesora do Patrimonio Histórico do Plan Especial na súa sesión de data 2 de xuño do 2005. A mencionada Comisión é o órgano asesor e consultor en materia de protección do patrimonio cultural establecido no artigo 27 do "Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica (PE1)" aos efectos de garantir a tutela sobre o patrimonio. O seu informe previo é preceptivo, entre outros casos, nos proxectos de obras de nova edificación ou de adecuación de fachadas e elementos exteriores en edificios catalogados.

3) As obras executadas na fachada da Rúa do Franco axústanse ao proxecto autorizado.

4) A intervención afecta a un inmoble composto por tres edificacións: o antigo edificio de Telefónica (construído na década dos anos 30 do século XX sobre os restos de outro do século XV, e que se atopa catalogado dentro do nivel 4 do Catálogo de protección do Plan Especial PE-1), o edificio principal de Correos (facendo esquina entre Avda. Rodrigo de Padrón e Travesa de Fonseca, e que está composto por unha primeira construción da década dos anos 30 do s. XX e ampliado nos anos 70 do mesmo século) e o antigo edificio de Correos na Rúa do Franco nº 16 (unha ampliación realizada nos anos 70 do século XX, obra do arquitecto Carlos Sidro de la Puerta)

5) O proxecto respecta integramente a estrutura e composición de fachada do inmoble catalogado, e tamén conserva a fachada do inmoble que fai esquina entre Avda. Rodrigo de Padrón e Travesa de Fonseca (tendo en conta que a súa presenza na imaxe urbana, visible dente o paseo da Ferradura, facía recomendable manter a imaxe actual do entorno). Porén, no caso da fachada do nº 6 da Rúa do Franco (situada nun emprazamento mais discreto, entre medianeiras, e nunha rúa estreita que non permite a súa visión afastada), proponse a substitución da fachada dos anos 70 por unha nova fachada de pedra granítica realizada de acordo con criterios da arquitectura contemporánea e manifestando unha composición allea á da arquitectura tradicional de vivenda, co obxecto de evidenciar a súa condición de edificio de equipamentos, e non residencial.

6) A proposta de fachada foi informada favorablemente tendo en conta que o artigo 107 do PE-1 admite, (para o caso concreto dos edificios de nova construción de carácter dotacional), solucións de composición de fachada diferentes ás reguladas con carácter xeral para o resto das edificacións, co obxecto de incorporar a arquitectura contemporánea como novo referente da escena urbana.

7) Este diferente criterio de composición que contempla o Plan Especial (aplicado xa anteriormente no caso de equipamentos singulares como o CGAC, a Biblioteca Pública de Xoán XXIII ou as novas edificacións da Finca Simeón no parque Universitario de Vista Alegre) fundaméntase na propia realidade histórica da cidade antiga, composta por un tecido residencial de vivendas (normalmente edificios de arquitectura anónima suxeitos a unhas regras de composición moi estritas dende as ordenanzas municipais do século XVIII) entre o que destacan as edificacións singulares (igrexas, conventos, pazos, hospitais...) nos que se manifestaba a arquitectura de vangarda da súa época a través de proxectos de autor.

Compartir: