MEDIO AMBIENTE

Santiago dará a benvida ao solsticio de verán coa segunda edición da Feira do Sol

16/06/2009 A concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, presentou a segunda edición da Feira do Sol, unha festa de benvida ao solsticio de verán, que se celebrará o sábado 20 de xuño no paseo central da Alameda, dende as 11:30 ás 20:00 horas.

A Feira do Sol é unha festa de verán que ten o sol como motivo principal. En palabras de Elvira Cienfuegos, "será unha festa con moitos elementos diferentes, unha festa creativa, participativa, que ten como obxectivo entreter, divertir e educar para a sustentabilidade". Engadiu que "é unha mostra que dun xeito lúdico mostra as potencialidades do Sol para usos cotiás". Como exemplo práctico poderase observar o furgón da asociación cultural e medioambiental Os Picos do Sol, que coordina a maior parte das actividades, que leva catro placas solares e un mini-eólico que producen a electricidade para un equipo de son, unha bomba de auga e un ordenador.

A concelleira incidiu no caracter de "festa activa e dirixida a todos os públicos, dende os máis pequenos ata as persoas adultas; todos e todas terán na feira elementos de interese e de diversión". Será tamén a ocasión para "a experimentación, a información e coa seguridade de que os participantes se van sorprender e divertir".

Música, contacontos, obradoiros, exposicións e xogos populares
Durante toda a xornada serán moitas e moi diversas as actividades a que se realizarán: exposicións de diferentes aparellos solares, organizando varios obradoiros para a montaxe e a experimentación de brinquedos solares, foguetes de aire ou reloxos de sol. O profesor de bioclimática Juan Bello mostrará como se constrúe un forno solar, con materiais moi simples e como se usan as cociñas solares, para posteriormente degustar os produtos preparados.

Para ensinar como reducir e aproveitar mellor os residuos, e como podemos aforrar auga e enerxía nos fogares particulares a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) desenvolverá un obradoiro de fogares verdes, tamén dentro da programación da festa. Mostrando as potencialidades dos transportes sustentables poderanse probar ata dez bicicletas diferentes na Alameda: tándem, triciclo, bicicleta eléctrica, choper,… e gozaremos das acrobacias de David Sillero, campión e especialista de trial

Outras actividades destacadas serán os xogos populares, como a billarda, os zancos ou a chave, pola mañá; ou as actuacións musicais de Revival Stomper, unha banda que fusiona jazz e blues ao máis puro estilo de Nova Orleans. Pola tarde teremos tamén contacontos co bardo Abelardo, acompañado da súa concertina, e os Gazafellos, con contos orixinais e participativos. Ademais durante todo o día estará habilitada unha biblioteca para a consulta, organizaranse visitas guiadas pola feira, e ás 6 da tarde realizarase unha charla coloquio sobre a enerxía solar, a cargo de Manuel García, autor do mapa de radiación solar de Galiza.

A Feira do Sol, celebrouse en 2008 no Parque de Belvís e contou cunha subvención da Consellaría de Medio Ambiente que para esta edición tamén foi solicitada.

Documentos relacionados



Compartir: