COMERCIO

Aberto o prazo de inscrición na edición de verán de Escaparatismo

16/06/2009 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo abriu o prazo de inscrición na edición de verán do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2009, que finaliza o 29 de xuño. O departamento comezou a entregar as bases do certame aos aproximadamente 2.500 estabelecementos comerciais que existen en Santiago. O obxectivo do concurso, dirixido a todos os comercios da cidade, é contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

Os comercios interesados poden apuntarse de balde. Só teñen que cubrir o Boletín de inscrición que atoparán ao final das bases do concurso, na páxina web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org e envialo por fax ao número 981 554 296. Tamén se pode realizar a inscrición enviando un correo electrónico a escaparatismo@santiagodecompostela.gal, no que consten os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector ao que pertence, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico (se o teñen).

O Concurso de Escaparatismo, que en 2009 destina 36.581 euros a premios, divídese en catro edicións: primavera, verán, outono, e Nadal. En cada unha delas prémianse tres comercios. Na Edición de primavera os estabelecementos premiados foron Tokonoma Iluminación, Xoguetería Vagalume e Xocoátel. Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para o primeiro clasificado en cada unha das edicións, de 2.306 euros para o segundo, e de 1.682 euros para o terceiro clasificado.

O xurado valora especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. No certame prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

Compartir: