XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno autoriza máis de 200 cacharelas e sardiñadas

16/06/2009 A celebración do San Xoán estivo presente na orde do día da Xunta de Goberno, coa autorización de 227 cacharelas e sardiñadas. Desenvolveranse maioritariamente na noite do 23 de xuño, aínda que tamén hai organizadas sardiñadas noutras datas do mes.

O Goberno municipal autorizou a celebración de 54 cacharelas e/ou sardiñadas públicas e outras 173 privadas. Entre as públicas, o maior número terá lugar na noite do 23, con 24 cacharelas ou sardiñadas. Non faltarán entre estas as tradicionais de lugares como a Algalia de Abaixo, a praza da Pescadería Vella, Conxo, Fontiñas ou Pelamios, entre outras. Hai outras sardiñadas previstas en datas como o 19, 20, 26 e 27 de xuño.

Cidade Histórica
Na sesión aprobouse tamén a redistribución do financiamento recollido no convenio entre a Consellería de Vivenda e Solo e o Concello para intervencións de urbanización de espazos públicos en Santiago. En virtude deste acordo, a Consellería achegará, en 2009 e 2010, 4.375.000 euros, e o Concello, 875.000 euros. Estas cantidades divídense entre os 1.220.00 euros de 2009 e os 3.155.000 euros de 2010.

Este convenio permite financiar a urbanización de catro espazos da cidade: Hortas, Cruceiro do Gaio, Belvís e San Roque. Destinaranse ás mesmas 1.491.000, 1.461.000, 659.000 e 612.000 euros, respectivamente.

Cultura
En Cultura, aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións a entidades sen fin de lucro do ámbito cultural para o ano 2009, por un importe total de 40.000 euros. O prazo de admisión de solicitudes rematará transcorridos 15 días naturais dende o día seguinte á súa publicación no BOP.

Enténdese por actividades culturais as destinadas á promoción e difusión da cultura galega, a animación sociocultural e o desenvolvemento ou exhibición de actividades escénicas. Son obxecto de subvención os gastos de persoal das actividades, a súa promoción e difusión, os materiais precisos para a súa produción e creación, os gastos ocasionados aos seus organizadores e os derivados da participación nas actividades dos convidados.

Medio Ambiente
No ámbito do Medio Ambiente, deuse o visto bo ao prego de cláusulas administrativas e iniciouse o expediente de contratación da subministración e instalación de xogos para a área de xogos infantís do centro sociocultural e campo da festa de Villestro. O tipo de licitación é de 21.478 euros máis IVE.

Sanidade
A proposta do conselleiro de Sanidade, resólvese de mutuo acordo o contrato de asistencia técnica da dirección media e coordinación de seguridade e saúde das obras incluídas no proxecto modificado de ampliación do canil do refuxio de animais en Bando-Zarramacedo. Igualmente, resólvese de mutuo acordo a asistencia técnica para a redacción do proxecto e dirección facultativa superior. Cómpre lembrar que estes sons trámites pertinentes unha vez resolto tamén o contrato para a execución das obras.

Circulación Viaria
En Circulación Varia, adxudicouse o subministro e instalación de biondas en distintos puntos do termo municipal, por un importe de 17.317 euros. Procederase á reparación de biondas (barreiras de seguridade metálicas para a contención de vehículos) na avenida de Asturias, na estrada de Lavacolla e en Entrevías. Ademais, instalaranse biondas novas en Moas de Arriba (Figueiras) e Villestro.

Participación Cidadá e Educación
A Xunta de Goberno acordou destinar un orzamento de 8.118 euros para o Programa de Verán 2009 deste departamento. Por outra parte, a partida para a Escola Municipal de Verán, organizada pola Concellería de Educación, será de 14.848 euros. As responsables destas dúas concellerías presentarán en breve estas actividades.

Benestar Social
Finalmente, deuse conta da concesión pola Deputación da Coruña ao Concello dunha subvención para o desenvolvemento do programa Mente Activa. A achega de 3.450 euros servirá para financiar este proxecto de envellecemento activo para as persoas maiores.

Documentos relacionados



Compartir: