ALCALDÍA

O Premio Nobel de Química Roger Kornberg asinou no Libro de Honra do Concello

15/06/2009 Antes de dirixirse ao Teatro Principal para pronunciar unha conferencia titulada Ciencia básica, a esperanza do progreso, o Premio Nobel de Química en 2006, o estadounidense Roger Kornberg, pasou por Raxoi. Alí foi recibido pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e asinou no Libro de Honra do Concello. O científico está en Compostela no marco do Programa ConCiencia.

Os seus estudos das bases moleculares da transcrición eucariota valéronlle a Roger David Kornberg (USA, 1947), profesor da Universidade de Stanford, o Premio Nobel de Química en 2006. O científico utilizou unha técnica chamada "difracción de raios X" para estudar os diferentes complexos moleculares implicados no proceso da transcrición xenética. A súa descrición é tan precisa que permite distinguir cada átomo nas moléculas e foi iso o que permitiu por primeira vez entender en detalle como ten lugar ese proceso fundamental en todos os organismos vivos.

Roger David é fillo de Arthur Kornberg, premiado con Nobel de Medicina en 1959 (compartido con Severo Ochoa) por un estudo semellante ao do seu fillo: investigou sobre a maneira na que a información xenética era transferida dunha a outra molécula de ADN.

Compartir: