RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Compostela participa nun congreso internacional sobre inmigración en Pisa

15/06/2009 O concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, participou en Pisa nun congreso sobre as "Políticas de inmigración" no marco da administración municipal. organizado pola cidade italiana dentro do programa de actos do irmandamento que se asinará o martes 16 coa cidade toscana.

A intervención de Fariña centrouse en explicar as políticas que o Concello de Santiago desenvolve a través da Unidade de Atención Municipal a Inmigrantes (UAMI), onde se ofrece información, asesoramento, cursos e subvencións para os 8.000 inmigrantes e emigrantes retornados censados na cidade e se presta tamén servizo de orientación xeral aos inmigrantes e retornados do resto da comarca.

No foro tamén expuxeron as súas experiencias as cidades de Unna (Alemaña), Angers en Francia, Rhodas (Grecia), Kolding (Dinamarca) e Hangzhou (China). No debate suscitado tralas ponencias, os participantes europeos aludiron ás políticas de inmigración que está levando a cabo o goberno de Zapatero que foron valoradas moi positivamente, en contraste coas presións que exerce o goberno de Berlusconi.

Ao remate do congreso, a delegación mantivo unha primeira reunión de achegamento co alcalde e o arzobispo de Pisa para falar dos proxectos de cooperación se que se desenvolverán tras o irmandamento, dentro do ámbito cultural e patrimonial, poñendo especial atención no turismo, na promoción do camiño de Santiago, a formación profesional e a administración territorial, ao abeiro dos programas da Unión Europea.

O martes 16, ás 10:00 horas, firmarase na Abadía di San Zeno o acordo de irmandamento con esta cidade da Toscana italiana de características similares a Santiago. Cunha superficie de 185 quilómetros cadrados e 90.000 habitantes, conta con aeroporto propio, un casco histórico ben conservado e é unha das universidades máis antigas e prestixiosas de Europa dende que fora fundada en 1343, que acolle neste momento a 53.000 estudiantes.

Compartir: