TURISMO

Compostela e Braga asinan un protocolo de colaboración empresarial e turística

12/06/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias e a vereadora (concelleira) de Actividades Económicas e Turismo de Braga, Ana Paula Morais, asinaron un protocolo de colaboración. O seu obxectivo intercambiar experiencias en materia de dinamización empresarial e turística coa finalidade de deseñar accións para un máis efectivo desenvolvemento das respectivas economías locais.

Mediante o documento asinado, ámbalas dúas entidades comprométense a iniciar unha relación de cooperación técnica e intercambio de boas prácticas co obxecto do lanzamento de novos proxectos nos ámbitos da promoción económica e turismo. A sinatura do protocolo de colaboración é froito do traballo iniciado en novembro de 2008, cando se mantivo unha primeira reunión en Santiago entre ambas cidades para comezar a estudar as posibles liñas de colaboración.
O turismo portugués é un obxectivo prioritario para o sector turístico de Santiago. Neste mercado, Braga é unha das cidades máis importantes, tanto porque se atopa a 185 quilómetros da nosa cidade, unha distancia propicia que permite as "escapadas" de fin de semana, como porque é unha das cidades máis poboadas do país, cun 180.000 habitantes, que chegan a 800.000 na área metropolitana. Ademais, a situación xeográfica de Braga convértea nun punto estratéxico da euro-rexión Galicia-norte de Portugal, cuns intereses económicos e sociais semellantes aos que temos en Galicia. O protocolo asinado abre a porta a futuras actividades de promoción de Santiago na cidade portuguesa.

Durante o acto, Ana Morais e o presidente da Asociación de Festas de San Joao, Vitor Sousa, presentaron as festas de San Joao, que se celebrarán do 14 ao 24 de xuño na cidade portuguesa. Non é a primeira vez que Compostela e Braga colaboran na difusión de eventos e programas. O 3 de novembro de 2008 presentouse oficialmente en Santiago o programa Braga á mesa, organizado pola Cámara Municipal de Braga, a través do Pelouro de Actividades Económicas e Turismo. De ámbito gastronómico e etnolóxico, este programa tiña como obxectivo potenciar o desenvolvemento das actividades económicas da cidade lusa, sobre todo as situadas no centro histórico, asociadas á restauración e ao comercio.

Compartir: