EDUCACIÓN

O sábado 13 de xuño remata o prazo de inscrición na Escola de Verán de Inglés

11/06/2009 A Escola Municipal de Verán de Inglés (English Summer School) volve a abrir as súas portas. Ata as 14.00 horas do sábado 13 de xuño estará aberto o prazo de inscrición para esta actividade, a desenvolver no IES Rosalía de Castro, que combina as clases de inglés con obradoiros para mellorar o nivel nesta lingua durante o mes de xullo. As solicitudes, que se poden recoller no departamento de Educación (rúa do Vilar, 13) ou descargar da páxina web municipal (www.santiagodecompostela.gal) deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello.

Esta iniciativa permite aproveitar o tempo de lecer do mes de xullo para incrementar o dominio do inglés e á vez fomentar novas relacións socializadoras. A matrícula ten un custo de 160 euros para os que participen durante todo o curso, do 1 ao 31 de xullo, e de 100 euros para os que estean unicamente durante unha quincena. A estas cantidades aplicarase un desconto dun 20% para familias numerosas ou no segundo e posterior membro da familia que participe na Escola.

As clases, impartidas por profesorado titulado, preferentemente nativo, combínanse con obradoiros impartidos en inglés, actividades e saídas. Así, haberá obradoiros de elaboración dun libro, de cancións, teen life, magazine, role plays, pintura ou cociña elemental. Ademais, realizaranse saídas ao mercado, aos museos ou a diversos servizos do Concello. Todo isto complementado con outras actividades ao aire libre e deportivas, como xogos tradicionais ingleses ou a busca do tesouro.

A Escola terá un ano máis a súa sede no IES Rosalía de Castro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. As actividades desenvólvense en tres bloques. A primeira hora da mañá, clase de inglés a modo de reforzo de todo o impartido durante o curso escolar, mentres que logo chegará a vez dos obradoiros, adaptados aos distintos niveis. A terceira parte da mañá dedicarase a saídas, xogos, manualidades ou contacontos.

Cada alumno contará, entre outros materiais, cunha mochila e cunha carpeta na que poderá gardar toda a información facilitada ao longo do curso. Tamén disporán dunha guía didáctica e dun manual para pais e nais. Ao final do curso recibirán o seu diploma acreditativo.

Para máis información:

Concellería de Educación: 981 554 400

Compartir: