EDUCACIÓN

Santiago contará coa súa quinta escola infantil a primeiros de 2010

10/06/2009 O Concello de Santiago segue a ter como unha das súas prioridades no ámbito educativo o incremento de prazas para nenos de 0 a 3 anos. Con tres escolas infantís xa funcionando, a do polígono do Tambre abrirá as súas portas no curso 2009-2010. A quinta escola estará detrás do Parlamento de Galicia e estará lista a primeiros de 2010.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e o responsable do Departamento de Educación, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, presentaron o proxecto da nova escola infantil de Tras Parlamento. Xurdirá da reforma das antigas oficinas de Benestar Social na praza da Constitución, cun custo de 352.000 euros.

A nova Escola abranguerá unha superficie total de 799 metros cadrados, nos que se habilitarán catro aulas, un comedor, unha cociña e unha zona exterior de xogos, entre outros servizos. As instalacións terán capacidade para 61 rapaces a tempo completo, distribuídos en catro unidades: 1 para nenos menores 1 ano (8 prazas), outra para nenos de 1 a 2 anos (13 prazas) e dúas para nenos de 2 a 3 anos (40 prazas). Esta capacidade ampliarase dependendo das demandas existentes a tempo parcial.

A planta baixa, de 448 metros cadrados, acollerá estas unidades, así como a sala de usos múltiples, o comedor, a área de administración, a sala de durmir e de lactación, a cociña, a despensa e o almacén. En canto ao patio exterior, de 256 metros cadrados, este constará dunha zona axardinada con areeiros e diferentes elementos de xogo e aprendizaxe.

Esta escola infantil prestará servizo de luns a venres de 7:30 a 20:30 horas, con quendas de mañá (7:30 a 12:30 horas), tarde (16:00 a 20:30 horas), xornada completa e comedor (12:30 a 14:00 horas). Tamén se contempla o horario ampliado de 14:00 a 16:00 horas para os nenos e nenas que non usan o comedor pero permanecen no centro despois de rematar a xornada de mañá.

Mercedes Rosón indicou que o Concello xa está traballando no proxecto da sexta escola infantil da cidade, que se situará en Salgueiriños no marco da iniciativa Urbana Santiago Norte. Tamén apuntou que esta escola será máis ampla, con 100 prazas como mínimo. Neste sentido, indicou que a intención municipal é dar unha dimensión máis ampla ás futuras escolas, co obxecto de satisfacer a alta demanda existente destas prazas de educación infantil.

Compartir: