CONSORCIO

Un estudo revela que os Fogos do Apóstolo non afectan á pedra da Catedral

09/06/2009 Un estudo encargado polo Consorcio e realizado pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas da Universidade Politécnica de Madrid, a través da súa cátedra de Petroloxía, desvela que os fogos do Apóstolo non afectan na súa estrutura actual á pedra da Catedral de Santiago. Esta conclusión foi presentada nunha rolda de prensa na que tamén se falou dos fogos de 2009 e da historia deste evento.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, destacou que este estudo pon fin a "polémicas estériles" sobre a incidencia dos fogos na pedra da Catedral. Desbótase así a posibilidade, contemplada nalgún momento, de sacar os fogos fóra da praza do Obradoiro.

Recordou tanto o alcalde como o director da Oficina Técnica do Consorcio, Ángel Panero, que xa hai anos que se veñen tomando medidas para evitar esa afectación, como ter levado a pirotecnia de maior forza expansiva á avenida Xoán XXIII. No futuro vanse seguir tomando "medidas cautelares" para garantir aínda máis a non afectación á pedra. As conclusións do estudo foro trasladadas tanto ao Cabildo como á Dirección Xeral de Patrimonio.

Co fin de estudar o impacto da pirotecnia dos Fogos do Apóstolo sobre a catedral de Santiago, o Consorcio de Santiago decidiu encargar un estudo sobre este aspecto á ETSI de Minas de Madrid. O encargo realizouse no mes de setembro de 2008.

Conclusións
A cátedra de Petroloxía da ETSI de Minas de Madrid conclúe que "non existe afección algunha na pedra relacionada coa actividade pirotécnica producida nas súas inmediacións".

Entre as consideracións que o estudo sinala atópanse as relacionadas con dous efectos da pirotecnia: incremento brusco da temperatura e onda de presión. En canto ao primeiro aspecto, conclúese que, "dada a baixa carga explosiva, a súa capacidade deflagrante, en lugar de detonante, o seu confinamento brando, a curta distancia e a elevada resistencia mecánica da pedra, os seus efectos son, predeciblemente, practicamente nulos, na forma usual en que se viñeron colocando".

En canto á onda de presión, o estudo destaca a alta resistencia mecánica do granito, polo que "o seu límite de afectación atópase moi afastado das pequenas ondas de presión xeradas polas ignicións. Ademais, a detonación prodúcese no aire, que se transmitiría, por onda aérea, aos materiais, a través dos que viaxaría como onda terrestre. Agora ben, a transmisión a través do aire implica un forte gradiente de perda de enerxía, perda aínda maior polo cambio de medio, de forma que a enerxía derivada dunha carga moi débil, como son as pirotécnicas utilizadas, é claramente incapaz de producir danos nun material como o granito".

Parente Fireworks, encargada do espectáculo de 2009
Por outra parte, o Consorcio decidiu encomendar á empresa italiana Parente Fireworks o deseño, produción, montaxe e execución dos Fogos do Apóstolo para este 2009. O espectáculo terá un custe total de 229.999 euros, correspondentes tanto ao espectáculo da noite do 24 de xullo, que inclúe a queima da fachada neogótica, como a pirotecnia do 31 de xullo, que ten lugar na escaleiras do campus na Alameda.

A empresa gañadora obtivo as mellores puntuacións nos diferentes aspectos que o Consorcio valora, tales como o engarce coa tradición do espectáculo, os aspectos innovadores, as mensaxes a transmitir, a adecuación da forma e momento en que se incorpora a queima da fachada (o día 24 de xullo), a duración dos espectáculos, así como a adecuación entre a banda sonora e os tempos e ritmos do espectáculo.

Parente Fireworks, con sede na localidade de Melara, no noreste de Italia, goza de alto prestixio internacional e conta con máis de cen anos de tradición pirotécnica. Realizou espectáculos en diferentes cidades de Suíza, Canadá, Korea, Alemaña ou Francia. En España, impúxose nos principais certames de fogos artificiais, entre os que destaca o coñecido concurso de San Sebastián, na súa edición de 2008. Así mesmo, impúxose nos certames de Alacante, Logroño e Pamplona.

Estudo sobre as orixes e evolución dos Fogos do Apóstolo
Na rolda de prensa presentouse tamén o estudo histórico que o Consorcio encargou ao profesor de Arte da Universidade de Santiago Miguel Taín sobre os Fogos de Apóstolo. Este estudo pretendía documentar histórica e artisticamente este tradicional espectáculo. O informe ilustra a orixe e evolución dos Fogos ao longo dos anos e, sobre todo, descubre como era e onde se colocaba a estrutura que conforma o que hoxe coñecemos como "queima da fachada", protagonista na noite do 24 de xullo.

Para a súa elaboración consultouse toda a bibliografía existente sobre o tema, así como os fondos documentais relativos á festa existentes no Arquivo da Catedral de Santiago e nos fondos municipais custodiados no Arquivo Histórico Universitario de Santiago, así como os fondos gráficos do Museo do Pobo Galego e o Arquivo Histórico Nacional de Madrid.

A propósito deste estudo, Sánchez Bugallo recordou como no ano 2000 se rescatou a fachada neogótica pensada no seu día por Daniel García Vaamonde en 1897, pero non construída entón por motivos orzamentarios. O alcalde non descartou a posibilidade de nun futuro convocar cun concurso de ideas para elaborar unha nova fachada.

Compartir: