ALCALDÍA

Villestro viviu a súa XIV Romaría do Deporte

06/06/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acudiu un ano máis á Romaría do Deporte de Villestro, que en 2009 chegou á súa XIV edición. Unha vez máis, o campo de fútbol da Barrosa acolleu unha xornada con competicións deportivas para todas as idades, actividades complementarias e un xantar.

O concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, acompañou ao alcalde nesta Romaría do Deporte, evento que naceu alá polo ano 1995 co fin de agradecer aos xogadores e pais do club SD Villestro o esforzo realizado durante toda a tempada defendendo e animando ao equipo. Na súa organización involúcranse as distintas entidades da parroquia, como a Asociación de Veciños "A Unión de Villestro", o CEIP Roxos, a Asociación Xuvenil Guxuvi ou o Club Veteranos.

Exposición de Lladró
Antes de dirixirse á Romaría, Sánchez Bugallo inaugurou no Hostal dos Reis Católicos a exposición Lladró y la moda. Esta mostra recolle as obras de porcelana que inspiraron a colección de alta costura realizada polo deseñador Carlos Haro. Tamén se exhibe unha selección das creacións mais recentes de Lladró. Esta exposición pode visitarse os días 6 e 7 de xuño de 10:30 a 21:00 horas.

Feira do Libro Antigo
O sábado 6 de xuño inaugurouse tamén a Feira do Libro Antigo e de Ocasión. Ata a mesma desprazáronse os concelleiros de Festas, Xosé Baqueiro, e de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, que percorreron as casetas das nove librarías presentes na Alameda. Alí, os composteláns poden atopar máis de 100.000 exemplares de libros, revistas, prensa, carteis...

A Feira permanecerá aberta ata o domingo 21 de xuño, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Compartir: