COMERCIO

Os comercios gañadores da edición de primavera do Concurso de Escaparatismo recibiron as súas bandas

05/06/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou as bandas de escaparatismo aos tres premiados na edición de primavera do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping: Tokonoma Iluminación, Xoguetería Vagalume, e Xocoátel.

En primeiro lugar, Xosé Manuel Iglesias entregou as bandas de escaparatismo ao primeiro estabelecemento clasificado, Tokonoma Iluminación, situado na rúa do Hórreo, 170. A continuación dirixiuse á tenda especializada en chocolates Xocoátel, que recibiu o terceiro premio, situada na avenida de Rosalía de Castro, 3. Por último, o concelleiro entregou a banda ao segundo clasificado, Xoguetería Vagalume, localizada na rúa da Algalia de Arriba, 16.

O xurado, integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valorou especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Na súa decisión primou tanto o escaparate como o interior do comercio. Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para os primeiros clasificados en cada unha das edicións, de 2.306 euros para os segundos, e de 1.682 euros para os terceiros clasificados. Contabilizando as catro edicións, no VI Concurso de Escaparatismo está previsto repartir 36.581 euros en premios.

Á edición de primavera do certame presentáronse 24 estabelecementos. Entre os comercios participantes predominaban os de téxtil e confección, calzado e decoración. A lista de inscritos tamén incluía estabelecementos de artesanía, agasallos, óptica, alimentación, deportes, xoguetarías, floristarías, xoiarías, copistarías, tendas de produtos para animais, e estabelecementos especializados en puericultura.

Compartir: