MEDIO AMBIENTE

Compostela contará a finais de 2009 coa súa primeira Guía Verde

04/06/2009 A Concellería de Medio Ambiente apoia a edición a primeira Guía Verde de Santiago, que aparecerá a finais de 2009. Esta obra, realizada en colaboración coa Universidade de Santiago e Alvarellos Editora, incluirá un amplo despregue gráfico e ilustrativo. Editarase en galego, castelán e inglés.

A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos asinou un convenio de colaboración coa vicerreitora de Calidade e Planificación da USC, María Dolores Álvarez Pérez, e co director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos Casas, para a creación da Guía Verde de Santiago. O parque José "Zeca" Afonso serviu como marco para a sinatura deste acordo.

Por en valor os espazos verdes da cidade é o obxectivo desta Guía, que adquire aínda máis relevancia tendo en conta que Santiago é a capital galega con máis espazos verdes e unha das primeiras de España, a razón de 20 metros cadrados por habitante, segundo lembrou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos. Moitas destas áreas mesmo son descoñecidas para moitos composteláns, polo que a obra quere "fomentar o interese polo que temos", indicou a autora, María Isabel Fraga.

A Guía é un "proxecto ambicioso", en palabras de Henrique Alvarellos e deixará para o lector unha obra de peto dunhas 150 páxinas "didáctica e entretida". A previsión é que se editen uns 2.000 exemplares en castelán, 1.000 en galego e outros 500 en inglés. Custará entre 10 e 15 euros.

O responsable dos contidos da Guía é un equipo de expertos dirixidos pola profesora de Botánica da USC e directora do Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" María Isabel Fraga Viga, quen tamén estivo presente no acto. Alvarellos Editora encargarase da confección e comercialización da obra.

Unha publicación divulgativa e amena
A Guía Verde de Santiago está pensada como unha guía de gran difusión, polo que terá un formato de peto e será editada a toda cor e cun amplo despregue gráfico: fotografías, ilustracións e roteiros que amosarán, dun xeito ameno e sinxelo, a riqueza natural da cidade.

O volume fará un percorrido por todos e cada un dos parques e zonas verdes da cidade: Alameda, Campus Sur, Bonaval, Eugenio Granell, Galeras, Belvís... Será unha oportunidade para descubrir a historia, as características naturais, as especies singulares, os roteiros e as curiosidades destes espazos.

Compartir: