EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico pide ao ministro de Fomento que axilice a chegada do AVE entre Vigo e Porto

03/06/2009 Os membros da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, reunidos en Santiago, acordaron solicitar unha entrevista co ministro de Fomento, José Blanco, para tratar a situación da liña de alta velocidade ferroviaria Ferrol-Lisboa e, en concreto a conexión internacional Vigo-Porto. Segundo afirmou o alcalde de Vila Nova de Gaia e actual presidente do Eixo Atlántico, Luís Filipe Menezes, "o noroeste da Península non pode quedar atrás, e pasa pola ligazón de Porto e Santiago".

Na carta que remitirán ao Ministerio sinálase que a liña Vigo-Porto acumula un "notable retraso" sen ter "ningún cambio no trazado a diferenza do tramo Ourense-Lubián, polo que entendemos que se trata dunha cuestión de vontade política". "A situación que máis nos preocupa é a do tramo Vigo-fronteira e, en concreto, a saída sur de Vigo e a ponte sobre o Miño, que xa debería estar en licitación para poder cumprir os prazos", explican os membros da Comisión Executiva. Ademais, a carta lembra que Santiago celebrará o Ano Santo en 2010 e Guimaraes será en 2014 Capital Europea da Cultura, o que pode supoñer un substancial "transvase de turistas e movemento económico de portos e aeroportos".

A Comisión referendou tamén a conversión do Eixo en Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), o que facilitará a cooperación transfronteiriza, posto que aínda existen diferentes sistemas lexislativos e administrativos en cada país da UE. Ademais, a Comisión decidiu prolongar ata xaneiro de 2010 o mandato da Comisión Executiva e da Presidencia do Eixo. En canto ás infraestruturas, deuse o visto bo ao Informe da Estratexia dos Transportes, xa aprobado pola Comisión Delegada.

No que atinxe ao impulso aeroportuario, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo dixo que "o Eixo non vai primar a ningún dos aeroportos, pero os dous troncais, Porto e Santiago, deben ter o trato que lles corresponde, e así está sendo", posto que a terminal de Porto está rematada e as obras de ampliación do aeroporto de Lavacolla están xa encamiñadas. A respecto do aeroporto compostelán, Sánchez Bugallo sinalou que haberá tres terminais: unha para os voos de baixo custo, outra para os voos normais e outra para o tráfico de mercadorías.

A partir do xoves 4, Vilanova de Gaia será capital cultural do Eixo Atlántico durante catro meses, cuns 300 eventos programados para este tempo. Prevese que cada dous anos unha vila do Eixo Atlántico se convirta na súa capital cultural.

Compartir: