TURISMO

Turismo de Santiago propón ás empresas ir de tapas pola cidade

03/06/2009 A capital da gastronomía galega prepárase para celebrar do 25 de xuño ao 12 de xullo o seu segundo concurso Santiago(é)Tapas, cunha novidosa oferta para grupos de empresas: un paquete turístico para chegar a Santiago e lanzarse a "tapear" pola cidade. A recompensa non é so turística ou gastronómica, porque hai premios para os participantes máis asiduos.

Este verán regresa o pracer de ir de tapas por Santiago de Compostela. Turismo de Santiago volve organizar o concurso Santiago(é)Tapas, no que o público percorre varias rutas de bares votando pola súa tapa favorita e en compañía do Tapasporte, unha credencial para reunir os selos das taparías visitadas nesta peregrinación culinaria.

Unha das novidades do 2009 é a creación do Tapasporte para Empresas, que permite aos membros dunha mesma empresa compostelá ou de fóra do Concello facer equipo para probar as tapas. Para iso, Turismo de Santiago ofreceralles paquetes turísticos e un premio final ao grupo máis constante nesta experiencia gastronómica.

O Tapasporte colectivo poderá ser solicitado por grupos de entre 5 e 20 persoas dunha mesma empresa. As bases están xa dispoñibles na Secretaría Técnica do Concurso Santiago(é)Tapas, nos teléfonos 981 935 345 e 981 569 194, ou no correo etapas@santiagoturismo.com

Paquete turístico
A isto engádese o paquete preparado por Turismo de Santiago para viaxar a Santiago de Compostela con prezos reducidos en aloxamentos e gozando doutras orixinais actividades relacionadas coa gastronomía galega. A oferta inclúe dúas noites en réxime de aloxamento e almorzo en hoteis de distintas categorías, tour gastronómico pola cidade, un exemplar da Guía Gastronómica de Santiago e o Tapasporte para saír a probar as tapas do concurso.

O paquete turístico ofrece ás empresas outras moitas actividades de coñecemento gastronómico á carta, como a sesión de compras e cociña de Merco e cociño con… ou a excursión gastronómica polas Rías Baixas, con visitas a cultivos acuícolas e adegas. As condicións poden consultarse no teléfono 902 190 160 da Central de Reservas de Turismo de Santiago.

Premio ao grupo de empresa máis constante
O concurso Santiago(é)Tapas premiará ao grupo de empresa máis participativo –é dicir, coa mellor media de "tapeo" acreditada polos seus Tapasportes- cunha estancia para todos os "tapeadores" no Pazo de Lestrove, da empresa Pousadas de Compostela; e outorgaralle un diploma durante a gala final o día 15 de xullo, na que se entregarán tamén os premios do público e do xurado ás tapas gañadoras.

Con esta iniciativa, Turismo de Santiago pretende que Santiago(é)Tapas sexa unha ferramenta que permita "facer equipo" dentro das empresas, á vez que consolida o concurso como un evento de cidade e desenvolve paquetes turísticos dentro da liña de Turismo de Incentivos que a Concellaría de Turismo impulsa dende o 2008.

Compartir: