CONSORCIO

Peche da temporada de concertos no Auditorio con Lugansky e a Real Filharmonía

03/06/2009 Logo de case 30 recitais, os concertos da Real Filharmonía de Galicia chegan ao seu fin na temporada 2008/2009. O venres 5 de xuño, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia de Santiago, o mestre titular, Antoni Ros Marbà dirixe o peche de estación cun programa que inclúe o Concerto para piano núm. 1 de Chopin e a Sinfonía núm. 2 de Sibelius.

A Real Filharmonía de Galicia, que xa ten perfilados os seus próximos concertos, remata unha temporada na que pasaron moitos dos principais solistas de hoxe, como os cellistas Adolfo Gutiérez e Asier Polo, os violinistas Daniel Hope, Viviane Hagner e Cho-Liang Lin, as sopranos Melanie Diener e Soojin Moon ou os pianistas Herbert Schuch, Jorge Federico Osorio e Tzimon Barto.

O solista da noite será o ruso Nikolai Lugansky, considerado polos críticos como un dos mellores pianistas do panorama actual europeo. Coñecido por ser un dos artistas máis cotizados do selo discográfico Warner Classics, foi vencedor nas competicións Tchaikovsky, Bach e Rachmaninov, o que confirmou a súa proxección internacional.

O anuncio dos seus concertos anuais asegura o cheo dos principais auditorios europeos e dos Estados Unidos. As súas gravación das integrais dos Études e Préludes de Chopin e dos Préludes e Moments musicaux de Rachmaninov foron galardoadas co prestixioso premio Diapason d'Or.

Música de cámara
Tamén remata o ciclo 2008/2009 de Música na Compañía, durante o cal diferentes formacións de cámara da Real Filharmonía ofreceron un total de 17 concertos, en colaboración coa Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago. Os concertos, que alternaron como escenarios a igrexa da Compañía e o Paraninfo da Universidade, xuntaron música e patrimonio, aproximando o bo facer artístico dos músicos da Filharmonía ao corazón mesmo da Cidade Histórica.

Estas tres últimas citas serán o luns 8, martes 9 e mércores 10 de xuño, ás 20:30 horas, na igrexa da Universidade, con entrada libre ata completar aforo. Os concertos contarán coa presenza do mestre titular da Filharmonía, Antoni Ros Marbà, quen valora moi positivamente a iniciativa camerística, sinalando que pon en valor a singularidade artística dos músicos da orquestra compostelá, que para a ocasión uníronse en pequenas formacións, interpretando un variado repertorio. A capacidade artística e técnica de todos os músicos da Filharmonía teñen nestas formacións de cámara a expresión distinguida e versátil do seu camiño cara a unha maior presenza en Compostela.

Ensaio aberto
Como unha forma diferente de aproximar o traballo cotián da orquestra compostelá ao seu público, esta temporada iniciáronse os Ensaios abertos, unha iniciativa pioneira que continuará en vindeiras edicións. O último desta temporada terá lugar o xoves 4 de xuño, en torno ás 11:45 horas, e corresponderase coa segunda parte do ensaio xeral, da Sinfonía núm. 2 de Sibelius. O acceso será libre.

Compartir: