ALCALDÍA

O delegado do Goberno comprométese co alcalde a reforzar o dispositivo de seguridade no Xacobeo

03/06/2009 Na súa primeira visita institucional ao Concello, o novo delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, falou co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, de diversos aspectos que afectan á cidade. En particular, analizaron o impulso dado ás principais infraestruturas proxectadas polo Goberno central para Santiago e o dispositivo de seguridade cara o Xacobeo 2010.

Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción pola visita de Louro, ao que cualificou como "amigo e coñecedor das nosas inquedanzas e necesidades". Por isto, amosouse convencido de atopar nel "comprensión e colaboración" para sacar adiante os diferentes proxectos da cidade. Estes desexos foron confirmados polo propio delegado do Goberno, quen anunciou que manterá co alcalde e co Concello "unha relación intensa de colaboración e cooperación en lealdade".

Sobre os asuntos tratados na reunión, un deles foi o Xacobeo 2010. En concreto, falaron sobre o plan de seguridade para o Xacobeo 2010, que se concretará a través de xuntanzas nas vindeiras semanas. En calquera caso, Louro adiantou que o Goberno español vai por en marcha "un dispositivo adicional, para que os que nos visiten se sintan seguros".

O alcalde referiuse a cuestións que, sobre este tema da seguridade, quedan aínda por concretar, como a limitación do aforo dentro da Catedral e a forma de contabilización do mesmo. Igualmente, estase a traballar na mellor solución para o depósito de mochilas, se ben a previsión é habilitar consignas en Xoán XXIII e na Casa do Deán.

Infraestruturas en marcha
Na reunión tamén fixeron un repaso ás principais infraestruturas comprometidas polo Goberno na cidade e que, neste momento "están todas desbloqueadas e en marcha", en palabras do alcalde. Tal é o caso da nova terminal de Lavacolla, da entrada do AVE en Santiago, a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) ou a autovía a Lugo. Louro cualificou estas infraestruturas como "estratéxicas" para a cidade e para Galicia.

En particular, o delegado do Goberno referiuse á autovía Santiago-Lugo, anunciando que a previsión é que poida entrar en servizo nun prazo de 36 a 42 meses. Sobre a nova EDAR, resaltou que Santiago vai ter unha estación depuradora "cunha tecnoloxía das máis avanzadas". Finalmente, destacou a importancia que a chegada do AVE terá para a "cohesión social e territorial de Galicia" e para achegar á nosa comunidade "aos grandes centros de produción e consumo".

O delegado do Goberno en Galicia chegou a Raxoi en torno ás 10:00 horas. Despois de ser recibido polo alcalde, saudou aos portavoces municipais. Tras a xuntanza con Sánchez Bugallo, Louro asinou no Libro de Honra da Cidade e ambos compareceron ante os medios de comunicación.

Compartir: