MERCADOS

Os artesáns santiagueses levan o seu traballo á Feira de Perugia coa colaboración do Concello

02/06/2009 Un grupo de artesáns de Compostela participou na Feira Internacional de Artesanía de Perugia (Italia), co apoio da Concellaría de Relacións Institucionais e Mercados, que dirixe Andrés Fariña. A mostra, que comezou o venres 29 de maio e remata o martes 2 de xuño, conta gran prestixio no mercado de artesáns, xa que non está organizada por empresas, senón que é a propia municipalidade a que convida ás cidades a participar.

Todas as cidades que participan na feira están irmandadas con Perugia excepto Santiago, que foi convidada a participar por primeira vez en 2008 tras a visita do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, á capital da Umbria en outubro de 2007. As pezas dos artesáns santiagueses tiveron unha excepcional acollida, polo que a organización convidounos a participar de novo este ano. Canda Santiago teñen expositores tamén as cidades de Aix en Provence (Francia), Bratislava (Eslovaquia), Tübingen (Alemaña), Postdam (Alemaña), Grand Rapids e Seattle (Estados Unidos), todas elas irmandadas con Perugia.

Compostela participa con catro expositores, nos que cinco artesáns amosan pandeiretas e traballos de xoiería en cristal, prata e acibeche. Nos postos tamén se pon a disposición do público material de Incolsa para a promoción turística da nosa cidade nesta feira, que visitan cada ano unhas 200.000 persoas.

O obxectivo desta cita é, dunha banda, poñer en valor a artesanía da cidade en foros internacionais onde os artesáns poidan establecer contactos e captar novas ideas e proxectos; e doutra banda, analizar a Feira de Perugia para ir definindo coa axuda dos artesáns o modelo ideal de Feira de Artesanía que podería encaixar en Compostela e que estaría organizada dende o Concello, con criterios de calidade e tratando de definir unha marca propia.

Compartir: