PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica destina máis de 100.000 euros á creación e consolidación de novas empresas en Santiago

02/06/2009 Ponse en marcha o programa de fomento do emprendemento Compostela Activa 2009, aprobado o 2 de xuño en Xunta de Goberno. Enmarcado no Servizo de Apoio á Empresa, ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.

O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou as dúas convocatorias incluídas no Programa. Para aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, pero non dispoñen de medios para materializala, organiza o Concurso de Novas Ideas Empresariais. Para axudar a que se consoliden as empresas de recente creación, convoca unha liña de incentivos.

Estas dúas convocatorias de Compostela Activa 2009 contan cun orzamento de 104.000 euros, un 50% máis que na edición de 2008, á que se destinaran 68.000 euros. Este incremento obedece a unha reestruturación do programa para adaptalo aínda máis ás necesidades (detectadas a través do Servizo de Apoio á Empresa) que presentan as persoas emprendedoras e as novas empresas nun contexto económico de crise. Destes 104.000 euros, 80.000 destínanse a Axudas para a creación de novas empresas, e 24.000 euros ao Concurso de Novas ideas Empresariais.

O prazo de presentación das solicitudes para ambas convocatorias abrirase a partires da súa publicación no BOP e rematará o 31 de xullo de 2009. As persoas interesadas no Concurso de Novas Ideas Empresariais ou nas Axudas para a creación de novas empresas poden recibir unha asesoría personalizada no Servizo de Apoio á Empresa, nas oficinas de Promoción Económica, localizadas no estadio de San Lázaro, porta 9, co teléfono 981 542 493; ou nas oficinas da rúa do Hórreo, 100, co teléfono 981 568 752. O horario é de 09:00 a 14:00 horas. As bases do programa poden consultarse na páxina web da Concellaría: www.maiscompostela.org.

O Servizo de Apoio á empresa (SAE) é un servizo integral de apoio ás persoas emprendedoras, á empresa e ao comercio de Santiago. O seu principal obxectivo é apoiar a creación e consolidación de empresas pondo a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios.

Compartir: