CONSORCIO

O Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construción poñen en marcha o I Concurso "Canteiros no Obradoiro"

01/06/2009 No marco das iniciativas encamiñadas á difusión e revalorización dos oficios relacionados coa rehabilitación, o Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construccón convocan o primeiro concurso Canteiros no Obradoiro, que terá lugar o 26 de xullo na praza do Obradoiro.

O Concurso consistirá nunha proba de labrado manual dunha lousa como as que conforman o pavimento da Cidade Histórica, partindo dunha prancha irregular de granito. A inciativa vencéllase de forma especial ao programa A pedra que pisas, posto en marcha en 2007 polo Consorcio de Santiago para o mantemento e conservación dos lousados da Cidade Histórica.

O I Concurso Canteiros no Obradoiro, que lembra o propio nome da praza, chamada así polos obradoiros de canteiros que nese espazo traballaban na construción da Catedral, está dirixido a canteiros, empresas e centros de formación de España e Portugal que traballen habitualmente o granito. Haberá un único premio de 1.500 euros e ata un máximo de cinco accésits. Ademais, o gañador verá colocada a súa lousa nunha rúa da cidade, coa súa marca de canteiro, no marco das accións de mantemento e conservacións dos lousados que promove o Consorcio.

A proba terá unha duración máxima de seis horas e o xurado terá en conta, ademais do tempo empregado, a corrección na elaboración dos diferentes planos e dimensións, a corrección nos acabados, o emprego correcto das ferramentas, o cumprimento das medidas de seguridade, a ergonomía no traballo e a organización e limpeza do posto de traballo.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a presentación deste Concurso na aula móvil da Fundación Laboral da Construción, estacionada no paseo central da Alameda. Xunto a el estiveron o presidente da Comisión Territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construcción, Eligio Nieto Lama; o director xeral da Fundación Laboral da Construción, Enrique Corral Álvarez; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e o director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, Andrés Hermida Trastoy.

Compartir: