MEDIO AMBIENTE E CIDADE HISTÓRICA

O Concello convida os veciños da cidade histórica a adornar os seus balcóns

01/06/2009 O I Concurso de balcóns da cidade histórica de Santiago quere chamar a atención sobre a importancia de recuperar os balcóns como elementos vivos do casco vello. Por iso, premiará a orixinalidade, conservación, harmonía e combinación de cores destes balcóns.

As concellerías de Medio Ambiente e de Cidade Histórica poñen en marcha este Concurso, que se desenvolverá ao longo do mes de xuño. Segundo a titular da primeira, Elvira Cienfuegos, este certame quere contribuír "á mellora estética e á calidade medioambiental, e que estas sexan recoñecidas pola cidadanía. Á súa vez, explicou Olga Pedreira, "porá unha nota de cor na cidade histórica e promoverá aunha mellor conservación da mesma.

Para facilitar a ornamentación dos balcóns, a organización distribuirá de balde diferentes tipos de plantas, que se poderán retirar do 2 ao 5 de xuño no Centro de Interpretación Medioambiental da Alameda, de 12:00 a 14:00 horas, ou os días 8 e 9 de xuño na Concellería de Cidade Histórica (praza de Cervantes) no mes horario.

Todas as persoas da cidade histórica que teñan balcón poden presentar ao longo do mes de xuño as súas candidaturas. As inscricións realizaranse por correo electrónico (medioambiente@santiagodecompostela.gal), telefax (981 542 368) ou persoalmente no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda, de luns a venres en horario de 12:00 a 14:00 horas.

Os participantes poderán remitir as fotografías dos seus balcóns á organización, ou solicitar da mesma que se encargue da súa realización. As fotografías expoñeranse nesta web. O xurado realizará a avaliación dos balcóns do 1 ao 7 de xullo, dando a coñecer o seu fallo o 8 de xullo. Valoraranse cuestións como a o estado de conservación do balcón, a orixinalidade na ornamentación, a harmonía no crecemento das plantas, a combinación de cores, a variedade e calidade dos elementos vexetais ou a innovación de especies e elementos accesorios.

Haberá tres premios de 200, 100 e 50 euros, respectivamente, en plantas e materiais de xardinería, ademais do correspondente diploma. Ademais, o público outorgará outro premio de 75 euros cos votos que poderá deixar na web municipal.

Compartir: