CULTURA

Artes plásticas, música e teatro na programación cultural de xuño en Compostela

01/06/2009 Presentouse a oferta cultural do mes de xuño promovida dende a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, na que a arte, a música e o teatro acadarán especial protagonismo.

Socorro García Conde foi a encargada de debullar a programación cultural de Compostela neste mes de xuño, onde destaca a inauguración de dúas exposicións artísticas. A primeira delas leva por título Mulleres en plural. As mulleres a través do obxectivo dos grandes fotógrafos do século XX, e vai ser inaugurada no Auditorio de Galicia o xoves 11 de xuño. A mostra, cuxas obras proceden da colección particular de Lola Garrido, conta con traballos de fotógrafos de talla internacional como Robert Frank, Alberto García-Alix ou o galego Vari Caramés.

Na Zona "C" continúa a exposición Dinero, de Montse Rego, ata o 14 de xuño. O 24 deste mesmo mes inaugurarase unha nova mostra na galería de Bonaval que leva por título En branco, obra de Jesús Madriñán e comisariada por Clara Rodríguez Cordeiro, en colaboración co Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.

No eido musical, neste mes de xuño rematan varios programas de tiveron grande éxito ao longo deste 2009. Así, no ciclo Sons da Diversidade visitará Compostela a británica Anne Clark, autora que combina o emprego de instrumentación electrónica con temas persoais e intimistas. Tamén toca á súa fin o Programa de Abono da Real Filharmonía de Galicia 2008/2009, cun recital o venres 5 no que a orquestra contará coa dirección de Antoni Ros Marbà e co pianista convidado Nikolai Lugansky. O ciclo Revelando Voces, que acolle concertos de artistas novos nos centros socioculturais, ofrece tamén os seus últimos concertos, cunha gala final no Teatro Principal o sábado 27 de xuño.

Teatro, letras e unha estrea cinematográfica
No eido escénico, o mes de xuño ofrecerá tamén varias sorpresas. No ciclo Teatro e Danza en Xira, visitará o Teatro Principal a compañía Yllana para presentar Brokers, unha visión aceda do mundo das altas finanzas. Tamén no Principal, a compañía Talía Teatro representará o seu último espectáculo, Palabras encadeadas, dirixida por Artur Trillo. No teatro infantil a oferta encabézaa Galitoon, co seu espectáculo para nenos e nenas de 1 a 4 anos Babiliglub.

As letras volverán a ser protagonistas co programa Letras Vivas Animación e Creación que albergarán cursos e actividades de animación á lectura ao longo de todo o mes. Na sétima arte viviremos a estrea da última obra dunha das grandes promesas do cinema galego, Jairo Iglesias, que con Campás completa a súa triloxía sobre a Guerra Civil.

Socorro García Conde aproveitou a ocasión para destacar a excelente acollida que tiveron algunhas das últimas apostas da Concellería. Así, o programa de Abono da Real Filharmonía de Galicia tivo unha magnífica acollida con case 100 abonos máis que en 2008. No campo literario foi especialmente positiva a resposta da cidadanía cara a Revolta das Letras, un programa irreverente, divertido e novidoso que procurou a posta en valor das nosas letras o pasado 16 de maio. A modo de exemplo, a actividade nomeada Turismo mental contou coa participación dunhas 200 persoas, o que desbordou con moito as expectativas máis optimistas.

Documentos relacionados



Compartir: