INFRAESTRUTURAS E CIRCULACIÓN VIARIA

As obras de reurbanización de tres rúas de Conxo realizaranse en tres fases para minimizar os efectos sobre o tráfico

01/06/2009 O comezo das obras nas rúas Vilagarcía, García Prieto e Sánchez Freire obrigará a cortes de tráfico nesta zona da cidade. As obras desenvolveranse en tres fases, de xeito que os condutores poidan ter sempre algunha alternativa para a circulación. Os cambios estarán debidamente sinalizados con paneis en áreas estratéxicas.

Os concelleiros de Infraestruturas, Bernardino Rama, e de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, explicaron as distintas fases das obras e as restricións de tráfico previstas. Así, a obra comezará na súa primeira fase o mércores 3 de xuño, co tramo comprendido entre a rúa Doutor Maceira e a rúa Penedo. Os condutores que procedan de Romero Donallo poderán seguir o seu sentido de circulación accedendo pola propia rúa Doutor Maceira á avenida de Ferrol.

Esta primeira fase das obras está previsto que remate o 31 de agosto, a mesma data na que finalizará a segunda fase, que comezará o 22 de xuño, no tramo comprendido entre a rúa do Penedo e a rotonda de Conxo. Deste xeito, estas dúas fases desenvolveranse en paralelo durante varios meses.

A ultima fase comezará xa o 1 de agosto, para acometer as obras no tramo entre Doutor Maceira e Romero Donallo. O remate estímase para o 30 de novembro. Segundo explicou Rama, preferiu deixarse este tramo para o final, por ser a área con máis afectación comercial.

O concelleiro apuntou que a previsión é que esta obra do Fondo de Inversión Local non cause demasiadas dificultades no tráfico, por ser unha vía na que hai diferentes alternativas de circulación, tanto por Cornes como pola avenida de Ferrol. Sobre todos estes cambios foron debidamente informados os veciños da zona.

Compartir: