ALCALDÍA

O alcalde recibiu en Raxoi ao Nobel de Química Jean-Marie Lehn

28/05/2009 O Premio Nobel de Química en 1987, o francés Jean-Marie Lehn, abriu a cuarta edición do Programa ConCiencia, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago. O seu paso por Santiago incluíu unha visita a Raxoi, onde foi recibido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Este profesor da Universidade francesa Louis Pasteur deixou a súa firma no Libro de Honra da cidade, uníndose así a outros científicos que teñen pasado polo Concello nos anos no marco do Programa ConCiencia. Pola tarde estaba prevista a súa conferencia no Hostal dos Reis Católicos baixo o título Da materia á vida: Química? Química!.

A academia sueca recoñeceu o traballo de Lehn polo "desenvolvemento e uso de moléculas con interaccións específicas de estrutura de alta selectividade". Aínda que as moléculas que compoñen a materia son entidades individuais, o seu funcionamento depende de como interaccionan unhas con outras. De feito, eses procesos de interacción son determinantes do funcionamento celular e do comportamento físico e químico de infinidade de materiais.

De aí que o profesor Lehn fose premiado co Nobel xunto cos profesores Pedersen e Cram. Eles foron quen de deseñar por primeira vez receptores moleculares sintéticos (anfitrións) capaces de recoñecer e interaccionar de forma selectiva con determinados hóspedes. A estes receptores chamóuselles criptandos. Sobre estas bases o profesor Lehn creou e desenvolveu unha nova rama da química, a Química Supramolecular.

Compartir: