BENESTAR SOCIAL

O Programa de Educación de Rúa promove a participación comunitaria en nove barrios da cidade

28/05/2009 Vénse desenvolvendo dende marzo unha nova edición do Programa de Educación de Rúa, unha das liñas de actuación da Unidade de Atención a familias (UAF) no marco do I Plan Municipal de Servizos Sociais. Esta iniciativa lévase a cabo nos barrios de Fontiñas, Sar, Amio, San Lázaro, Conxo, Santa Marta, Choupana, A Rocha e Volta do Castro.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou este programa, cuxas actividades máis importantes comezaron neste mes de maio. A iniciativa promove a participación comunitaria achegando á poboación os recursos e actividades existentes no seu barrio. Entre os seus obxectivos está tamén detectar e intervir en posibles casos de risco ou inadaptación social. Na actualidade, uns 150 rapaces participan nas actividades.

O Programa de Educación de Rúa constitúe unha forma de intervención educativa que emprega o tempo de lecer como recurso principal. Está dirixida a toda a poboación, se ben os destinatarios principais son os nenos e mozos. Eles son os que se benefician de actividades culturais ou socio-educativas, entre outras, desenvolvidas en horario extraescolar. Estas actividades complementan o labor educativo do centro, da familia e da comunidade.

Intervención individual, grupal e comunitaria
A intervención realízase en tres niveis, dos que se ocupan os educadores de rúa. Eles, Pablo, Noelia, Camilo e Laura acompañaron á concelleira na explicación destes modos de actuación, que comezan a nivel individual, creando un vínculo de confianza para poder realizar un seguimento personalizado. Desenvólvense tarefas de acompañamento, asesoramento e apoio emocional.

A localización destes rapaces realízase fundamentalmente a través das traballadoras sociais e dos propios centros educativos, que son os que coñecen mellor a existencia de familias ou alumnos con risco. Ademais, o Programa preséntase nos colexios.

A continuación comeza o traballo grupal, propiciando formas de aproveitar o tempo de lecer como recurso educativo. Isto compleméntase cunha intervención a nivel comunitario, xestionando as relacións co entorno próximo, colaborando na resolución de problemas e realizando traballo en rede cos recursos comunitarios: unidades de traballo social, centros educativos, centros socioculturais, Unidade de Atención ás Familias, UMAD, asociacións veciñais, Fundación Secretariado Gitano, Centro Abeiro, Asociación Arela, Policía, centros de saúde...

Programa de actividades
A lista de actividades de Educación de Rúa é amplo, co fin de satisfacer os distintos tipos de afeccións e intereses dos participantes. Os máis destacados son:

- Obradoiro de hip-hop SK-8: iniciación á música da cultura urbana, no Centro Sociocultural de Conxo.
- [Olimpíadas na rúa".
- Curtametraxe: nesta actividade os rapaces e rapazas participan en diferentes aspectos da realización dunha película sobre a vida do barrio de Fontiñas (interpretación, maquillaxe, perruquería, guión,…). Realízase durante os meses de maio e xuño.
- Eu xogo ao videoxogo: torneos de videoxogos por equipos no Centro Sociocultural de Conxo que comezará no mes de xuño.
- Intercambio europeo: durante o verán realizarase unha viaxe a un país da Unión Europea cun grupo de adolescentes.
- Imos ao mar: excursión para participantes do Programa prevista para finais do mes de xuño.
- Viaxe ao centro de Santiago: achegamento de recursos lúdico-educativos dentro da cidade para os rapaces e rapazas.
- Verán en xogo: xincanas, xogos de pistas, actividades dinámicas e lúdicas durante os meses de xullo e agosto.
- Encontro interxeracional de xogos populares: coincidindo coas festas dos barrios farase unha xuntanza onde pequenos e maiores poderán xogar xuntos aos xogos de sempre (bolos, chave, billarda, a ra, carreiras de sacos, zancos, etc).
- Xoves xove: actividades lúdicas en colaboración coa Fundación Secretariado Gitano (como continuación do Programa Kamelamos Guinar).
- Orientación laboral/educativa: coincidindo co fin de curso realízase o asesoramento e acompañamento a outras saídas formativas e o achegamento aos recursos de busca de emprego.

Compartir: