CIDADE HISTÓRICA

A Comisión Asesora do Casco Histórico aproba a rehabilitación para auditorio do edificio de Caixanova e o proxecto do Museo de Historia Natural

26/05/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu unha nova sesión da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico. Na mesma deuse o visto bo ao proxecto do futuro auditorio Caixanova e ao edificio do Museo de Historia Natural "Luis Iglesias".

Entre os once expedientes estudados na Comisión, destaca pola súa importancia a aprobación do proxecto de rehabilitación do edificio da rúa Preguntoiro nº 23, coñecido popularmente como edificio do Pilar, adquirido por Caixanova para crear un auditorio público dentro dos seus plans de obra social e cultural en Compostela. Tamén salientable é o visto bo ao proxecto para a edificación no parque de Vista Alegre, na rúa das Salvadas, do Museo de Historia Natural "Luís Iglesias" da Universidade de Santiago de Compostela. O primeiro dos proxectos é obra do arquitecto José Luís Pereiro Alonso e o segundo de César Portela Fernández-Jardón.

Ademais, foron aprobados os proxectos das obras de conservación que emprenderá o Consorcio na Igrexa de Salomé e na capela de Santo Antoniño, así como a reforma integral do edificio de Correos na rúa do Franco.

Compartir: